O Culturgal empeza a súa andaina en Pontevedra centrado no sector profesional

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación hai uns días do Culturgal
Presentación hai uns días do Culturgal LEGRET

A grande cita da cultura galega estrea este xoves unha xornada adicional

24 nov 2022 . Actualizado a las 10:14 h.

Unha das novidades deste ano do Culturgal, que se desenvolve baixo o lema de 15 anos cos fíos da cultura é a xornada adicional que, por primeira vez, se celebrará este xoves e que está especificamente dirixida ao sector profesional de promoción escénica e musical de Galicia. Organizada por Escena Galega e a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM( coa colaboración da Xunta de Galicia, búscase «crear un espazo profesionalizado de relación entre compañías, bandas de música , promotoras e distribuidoras e profesionais da programación escénica e musical, de espazos públicos e privados, para axudar a facilitar a labor de distribución e venda dos espectáculos e actuacións musicais, por unha banda, e de contratación dos mesmos, pola outra», destacaron dende a organización do Culturgal.

Deste xeito, diseñouse unha programación dirixida aos profesionais da programación escénica e musical da comunidade, pero tamén do Norte de Portugal, ben sexa en espazos públicos ou privados, e ás compañías profesionais de artes escénicas, bandas profesionais de música, promotoras e distribuidoras asociadas a Escena Galega e AGEM.

Ao longo de todo o día están previstas una serie de roldas de negocio entre, dunha banda, representantes das empresas culturais de escena e de música e, doutra, máis dunha vintena de programadores galegos e lusos con capacidade de contratación, confirmaron dende a Consellería de Cultura. Tras considerar que se trata dunha «actividade crucial no marco de Culturgal», destacaron que este encontro «está chamado a dinamizar a compra-venda de montaxes escénicas e concertos para todo o primeiro semestre do 2023».

Esta xornada servirá de anticipo á inauguración da feira prevista para a una da tarde de mañá coas intervencións de Victor López, presidente de Culturgal; Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra; Carmela Silva, presidenta da Deputación; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.