A Deputación de Pontevedra recupera o testemuño das vítimas da represión franquista

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Diputación de Pontevedra

21 nov 2022 . Actualizado a las 17:26 h.

O vindeiro 2 de decembro, a Deputación de Pontevedra conmemorará o centenario do nacemento de Mariví Villaverde, escritora vilagarciá e referente da recuperación da memoria histórica do exilio, coa reedición do seu libro Tres tempos e a esperanza, así como a estrea dunha peza audiovisual sobre a súa traxectoria. Con esta publicación, a Administración provincial «pretende inaugurar unha colección de publicacións que recollerán, do puño e letra das vítimas, o acontecido durante o franquismo, na que se irán publicando outras memorias escritas polas vítimas en primeira persoa».

No que se refire á homenaxe a Marivía Villaverde, desde o departamento de Memoria Histórica «pretende poñer luz sobre unha figura central no coñecemento dos anos da represión no exilio». Deste xeito, a deputada María Ortega rememorou como, tendo apenas 15 anos, a vilagarciá viuse obrigada a exiliarse, primeiro a Bórdeos e logo a Bos Aires, polo perigo que corría o seu pai Elpidio Villaverde —deputado no verán do 36 e ex alcalde— tras a toma do Goberno Civil de Pontevedra por parte dos golpistas.

Diputación de Pontevedra

Resaltaron que, para conmemorar a efeméride, exhibirase unha curta documental que rescata a biografía e a loita pola memoria realizada por Mariví Villaverde. Nesta ocasión, apostouse por «encomendar o traballo a rapazas novas —está dirixida por Coral e Laura Piñeiro, da asociación Memoria e Cinema, responsable da cinta Dores— e unha narrativa distinta para intentar achegar a Mariví ao público de menor idade».

Certame literio

De igual modo, o Concello de Pontevedra sumouse a esta conmemoración coa creación, en colaboración coa editorial Cumio, dun premio literario sobre memoria histórica. As bases deste certame anunciaranse en próximas datas.