O CEIP San Martiño e o IES Sánchez Cantón, premios Ernestina Otero Sestelo

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Os galardóns recoñecen «a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos de Pontevedra»

17 nov 2022 . Actualizado a las 16:55 h.

O Teatro Principal acolleu este xoves a entrega dos premios Ernestina Otero Sestelo 2022 «para a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos de Pontevedra». A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco (PSOE), foi a encargada de ler o fallo adoptado por unanimidade polo xurado.

Na categoría de educación infantil e primaria o primeiro premio foi para o proxecto Unha mirada violeta do CEIP San Martiño de Salcedo, «por aplicar unha perspectiva de traballo pola igualdade que se desenvolveu en todos os cursos de educación infantil e primaria, conseguindo a implicación de todo o profesorado e alumnado e por proporcionar ferramentas para a análise da sociedade que nos rodea dende unha perspectiva de respecto e igualdade».

O segundo premio nesta categoría foi para o CPR Sagrado Corazón de Placeres, polo traballo Patios activos para educación infantil e primaria, «por facer unha análise dos recreos e da ocupación dos espazos, traballando pola participación e inclusión por igual de nenas e nenos en todos os xogos e apostar polos patios inclusivos».

Na categoría de educación secundaria, resultou gañador o IES Sánchez Cantón, que presentou o proxecto Na súa memoria, na nosa memoria. Neste caso, o xurado xustificou a súa decisión «pola ampla implicación transversal de todos os departamentos e pos visibilizar a memoria das mulleres, especialmente da contorna que foron represaliadas e silenciadas durante a Guerra Civil e a posguerra e pola divulgación pública na web de todas as actividades realizadas no ámbito de igualdade».

Nesta categoría o segundo premio foi declarado deserto.

A concelleira de Igualdade pechou o acto animando «a seguir traballando pola igualdade de mulleres e homes no día a día dos centros de ensino do noso concello e para honrar a memoria da ilustre Ernestina Otero Sestelo e que o seu nome e o seu legado permaneza vivo e non se borre na historia».