Unha réplica da gaita do boticario Perfecto Feijóo para Óscar Ibáñez

PONTEVEDRA

CEDIDA POR ÓSCAR IBÁÑEZ

A orixinal, feita polo artesán Manuel Villanueva, data de 1885 e conservase no Museo de Pontevedra

06 nov 2022 . Actualizado a las 11:32 h.

Seguramente unha porcentaxe nada significativa de pontevedreses aos que se lles pregunte por Perfecto Feijóo aludirán, no mellor dos casos, ao Loro Ravachol e sinalarano como o propietario de tan malfalada ave icona do entroido da Boa Vila. Mais, o que moitos descoñecen é que este boticario era, tal e como refire a Wikipedia, un «apaixonado galeguista, fervente admirador de todas as manifestacións da cultura que lle outorgan individual personalidade á identidade galega pero moi particularmente da música tradicional». De feito, chegou a ser un recoñecido gaiteiro e un dos seus instrumentos conservase no Museo Provincial de Pontevedra.

Case que nove décadas despois do seu pasamento, unha replica acaba de ve-la luz no obradoiro de Pablo Carpinteiro a instancia de Óscar Ibáñez. É unha replica da gaita tombal que construíu Manuel Villanueva en 1885 en Poio.

CEDIDA POR ÓSCAR IBÁÑEZ

«Isto non é de agora —aclara—, isto ven xa de hai moitos anos que estou en contacto con este tipo de gaitas que hai no Museo e na familia de Xoán de Campañó. Sempre traballei cos instrumentos orixinais, pero chegou un momento que quería ter unha gaita como estas. Isto non é como quen chega une di: ‘Vou a comprar unha gaita como esta porque me gusta», remarca.

Pero, ¿por que esta gaita? Neste punto, Ibáñez lembra que Manuel Villanueva, «ademais de ser un grandísimo intérprete, era un gran construtor. Feijóo ao remate dos seus estudos de farmacia en Madrid, volve a Pontevedra, instala a súa botica na Peregrina e empeza a empaparse e a ser consciente da necesidade de recompilar a música tradicional». Isto levouno a contactar con Villanueva para encargarlle o instrumento, recompila un repertorio, que traslada a partituras, e conforma o coro Aires da Terra.

Ibáñez refire que, se por algo destacan estes instrumentos, é polo feito de que «é unha tipoloxía de gaitas propia das marxes do Lérez. Ten como característica un bordón pequeniño de palleta afinado no quinto grao chamado ronquillo. A tonalidade achégase ao Si natural actual e comparte o resto da súa morfoloxía coa meirande parte das gaitas galegas». Outra particularidade «é a súa especial dixitación pechada, que propia das marxes do Lérez, vén dunha longa tradición. Ademais, ten unha dixitación moi característica, que é un toque pechado pero diferente, por exemplo, ao de Ricardo Portela. É un toque máis pechado aínda e segue practicamente en desuso, salvo por algúns especialistas».

CEDIDA POR ÓSCAR IBÁÑEZ

Polo tanto, as súas peculiaridades son moi diferentes ás dos instrumentos contemporáneos: «A propia sonoridade non ten absolutamente nada que ver. Estas gaitas soaban moitísimo máis», incide.

Historia dunha paixón

Foi en 1993 cando Ibáñez entrou en contacto coas gaitas da marxe do Lérez coa publicación de Aires da Terra. La poesía musical de Galicia, de José Luis Calle: «É un traballo sobre Perfecto Feijóo, a súa importancia, a súa filosofía, a creación do coro, as primeiras gravacións galegas e tamén incorpora unha selección do material transcrito e recompilado por el. Cando cumpro 17 anos, unha moza que tiña regaloumo e o primeiro que fago, ademais de empaparme de todo el, é ir ao Museo e empezar a ver os materiais orixinais».

Once anos máis tarde, o Concello de Pontevedra declara o Ano da Música para conmemorar as primeiras gravacións sonoras galegas de 1904: «Encomendáseme tocar coa gaita orixinal de Perfecto Feijóo no acto do Teatro Principal. Esa gaita non saíra para ser interpretada nunca fora das paredes do Museo. É un material museístico».

De aquela entrou en contacto coa familia de Xoán de Campañó e empezou a utilizar a súa gaita en concertos, conferencias, exposicións… «Facendo divulgación deste tipo de gaitas completamente desaparecidas. O último gaiteiro que as tocou foi o fillo do Gaiteiro de Campañó, Manuel Tilve. Coa súa morte nos setenta remata a tradición das gaitas tombais con ronquillo», lamenta Ibáñez.

CEDIDA POR ÓSCAR IBÁÑEZ

«Mira se estaba obsesionado que no 2004 pedinlle ao mestre Antón Corral que viñera comigo ao Museo de Pontevedra para tomar as medidas e facer os planos de todas estas gaitas… E alí nos fomos varias semanas. Fixemos os planos e ese é un traballo que teño gardado que, ao mellor, nalgún momento publicamos», reflexiona.

Encontro con Carpinteiro

Pablo Carpinteiro, que está especializado en facer réplicas de gaitas históricas, «fixo as súas propias pescudas no Museo e con esta tipoloxía de gaitas». A suma destas dúas circunstancias fixo que Ibáñez acudise ao seu obradoiro e o resultado xa se puido comprobar días atrás nunha xuntanza dos centros galegos do Brasil que se celebrou en Río de Janeiro. «Soa incrible. Quedaron encantados e alucinados. Chamou moitísimo a atención. Estou absolutamente namorado con esta tipoloxía de gaita».

Pero, que lle levou a decantarse pola de Feijóo en lugar das de Villanueva o Xoán de Campañó. A resposta é sinxela: «De todas as que coñezo históricas que poden ter cen anos o máis, é unha gaita que non ten nada que ver con todas as demais. Ten un nivel de acabado excepcional, cunha madeira de Pao Santo alucinante, con anelas de marfil perfectamente inseridas que cento e pico anos máis tarde están inmóbeis… Hai que pensar que foi feita no século XIX con tornos de ballesta. Era o instrumento idóneo para replicar».