Sabucedo mantén vivas as tradicións do Samaín

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación da Musa de Sabucedo, no Pazo Provincial
Presentación da Musa de Sabucedo, no Pazo Provincial Rafa Estevez

Música, muiñada e magosto na vindeira fin de semana

25 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabucedo vivirá nesta próxima fin de semana unha nova edición do seu particular celebración do Samaín, a Musa. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, destacou onte na presentación da iniciativa a súa importancia «para non perder as nosas tradicións». Serán dúas xornadas festivas que terán lugar os vindeiros 28 e 29 de outubro en Sabucedo, que inclúen muiñada, o magosto e o Samaín. O acto de presentación da festa no Pazo Provincial contou coa presencia de Manuel Cabada, representante da Asociación Rapa das Bestas. Ambos convidaron a participar nunha festa que busca conservar as nosas raíces e tradicións.

Iglesias, quixo facer fincapé en que unha das principais actividades que se levarán a cabo será o preestreno exclusivo do filme de Rodrigo Sorogoyen As Bestas, e destacou que «é un dos grandes directores deste país» e «unha persoa comprometida coa Rapa das Bestas, unha grandísima festa tan importante para esta provincia». Tamén salientou a relevancia que teñen este tipo de iniciativas que poñen en valor a nosa riqueza cultural porque «non podemos perder o Samaín, os magostos ou os nosos seráns, é moi triste que perdamos as nosas raíces e que os rapaces en vez de falar do Samaín falen de Halloween».

Manuel Cabada, pola súa banda, detallou un «programa moi extenso» no que «hai actividades para todos» co obxectivo de que sexa «un punto de encontro para recuperar tradicións», e finalmente animou a que aquelas persoas que poidan se acheguen a Sabucedo para poder desfrutar da procesión da Santa Compaña, a muiñada, ou outras actividades como obradoiros, degustacións e concursos nunha xornada na que amais «vai a haber moita música».