A pegada da onomástica na literatura galega, a debate no Museo de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

15 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo de Pontevedra reunirá este sábado a unha serie de especialistas que analizarán a «fecunda pegada da onomástica nas letras galegas» no eido da sétima Xornada de Onomástica Galega que organiza a Real Academia Galega en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o propio Museo. A iniciativa xorde da presenza de «nomes de persoa como a Maxina de Marcial Valladares, a Maxa de Xohana Torres, o Adrián Solovio de Otero Pedrayo ou o Balbino de Neira Vilas», pero tamén topónimos reais como o Bastavales, Laíño e o Lestrobe de Rosalía, os do Courel de Novoneyra e outros entre a realidade e a ficción como as Terras de Miranda de Cunqueiro» na literatura galega dende a época medieval ata a idade moderna.

A programación, incluirá tamén unha mesa redonda na que Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey compartirán con Marilar Alexandre como escollen os nomes dos protagonistas das súas novelas. Finalmente, porá o ramo un acto poético de Xosé María Álvarez Cáccamo baseado en topónimos, Cántico dos topónimos esdrúxulos. A totalidade do encontro poderá seguirse en directo a través de academia.gal.

Dende o 2016 a RAG organiza as Xornadas de Onomástica Galega, que nesta edición están coordinadas pola académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez. «A onomástica literaria, que estuda a función e a significación dos nomes propios na literatura, é un campo pouco explorado no ámbito galego, pese ao gran rendemento que moitos dos nosos escritores lle teñen tirado. Propoñemos este ano centrarnos nesta cuestión, para examinar o seu uso en determinados autores e para explorar novos camiños de pescuda”, explicou Boullón.

Ao longo de toda a xornada intervirán especialistas da talla de Anxo Angueira, María Xesús Nogueira, Bieito Arias Freixedo, Helena de Carlos, Berta Dávila, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro e Marilar Aleixandre.