Combarro, a visión dos fotoxornalistas

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O Casal de Ferreirós e a Escola do Campo acollen unha mostra con imaxes dos principais medios de comunicación

23 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o vindeiro 31 de agosto, a mostra Fotoperiodismo. Combarro na prensa local amosa no Casal de Ferreirós e na Escola do Campo de Combarro a visión que da vila turística teñen os fotoxornalistas Capotillo e Ramón Leiro, de La Voz de Galicia; Gustavo Santos, de Faro de Vigo; Rafa Fariña y Gonzalo García, de Diario de Pontevedra, e Mónica Patxot, Cristina Saiz e Diego Torrado, de PontevedraViva. «Da un enfoque novo sobre Combarro como feito informativo», destacou a concelleira Silvia Díaz, ao tempo que incidiu en que «é un pequeno recoñecemento ao papel que teñen os medio de comunicación que cobren as novas locais. Temos estas catro cabeceiras de referencia ás que recurrimos sempre para estar informados».

«É un arquivo da memoria do noso pobo e un espello que vai recollendo o que somos na nosa historia máis recente», precisou Díaz, ao tempo que estendeu o seu agradecemento aos autores das imaxes.

Fotoperiodismo. Combarro na prensa local é unha iniciativa impulsada pola Asociación A Solaina, en colaboración co Concello de Poio, forma parte das actividades que se están a desenvolver para conmemorar os 50 anos do nomeamento do núcleo da localidade como Conxunto Histórico Artístico. De feito, Christian Casares, delegado de La Voz de Galicia en Pontevedra, aproveitou para salientar a coincidencia desta efeméride co 140 aniversario do xornal, «polo que para nós é moi gratificante participar destas iniciativas que nos achegan tanto aos nosos lectores como aos potenciais».

Remarcou a importancia que para La Voz ten cada recuncho de Galicia, un ámbito no que «Combarro ten un valor simbólico». De feito, desvelou que no momento de facer a selección de fotografías, os seus autores «déronse de conta da dimensión que ten no noso propio arquivo fotográfico. Non foi doado».

Corenta instantáneas

A mostra está composta por un total de corenta instantáneas, que non só recollen a idiosincrasia arquitectónica da localidade, senón, tamén, a súa tradición mariñeira, as súas festas e as súas xentes, pero tamén, en palabras de Antón Briones, da asociación A Solaina, do «Combarro que foi desaparecendo, que esmoreceu pouco a pouco».

As fotografías expostas compleméntanse cuns folletos informativos, nos que se recollen datos de interese sobre a colección, así como a historia e traxectoria dos medios de comunicación protagonistas e dos fotógrafos participantes. A fin de contas, tal e como sinalou Miguel Ángel Rodríguez, director de Diario de Pontevedra, os fotoxornalistas «son unha peza clave do noso traballo (...). Só temos dúas maneiras, dúas ferramentas para atrapar o interese do lector. Unha son os nosos titulares, as historias que contamos, e outra é a imaxe que nos aportan os profesionais do fotoxornalismo».

O alcalde Luciano Sobral, pola súa banda, incidiu nesa liña recoñecendo que, «ás veces, cando abrimos o periódico o primeiro que miramos son as fotos».