Ramón Carredano, escritor: «Contar o significado de 'Qwerty' sería descubrir unha parte do misterio da novela»
PONTEVEDRA
O escritor adianta que «actualmente estou traballando nunha novela histórica da historia de Galicia»
20 jul 2022 . Actualizado a las 10:16 h.Con Qwerty, Ramón Carredano Cobas adéntrase en «tres historias aparentemente inconexas, de tres personaxes separados no tempo por centos de anos. Son polo tanto como tres novelas dentro de unha. Isto ten como consecuencia unha gran diversidade de situacións, de historias colaterais, e atopamos novela de ciencia ficción, pero tamén novela histórica, novela negra, novela costumbrista, de aventuras, erótica, de misterio... Case nada é o que parece, e acontecementos que pasarán case inadvertidos cobrarán gran importancia nun final cheo de sorpresas».
—Ao falar de viaxes no tempo, inevitablemente temos que falar de H. G. Wells. Foi unha influencia nesta novela?
—Efectivamente, H. G. Wells é un gran escritor de ciencia ficción e máis concretamente das viaxes no tempo. Pero en Qwerty a viaxe no tempo non está contemplada como na obra de Wells. Tanto a ciencia ficción como as viaxes no tempo son aquí un medio necesario para contar a historia, máis que a historia en si. Non, non pensei en Wells, se acaso en Xulio Verne.
—A que fai referencia «Qwerty»?
—Contar o significado de Qwerty sería descubrir unha parte do misterio da novela. Para coñecelo haberá que lela ata o final. O final de Qwerty garda moitas sorpresas. A novela non terá moito sentido si non se le o final. Podo adiantar que case todos levamos no peto ou no bolso algo relacionado con Qwerty. E moitos tamén nas súas casas.
—Como está a ser a recepción?
—Penso que está a ter unha gran acollida. Con certa sorpresa, porque é un tipo de novela que eu nunca había tocado. Eu escribo máis novela histórica e xuvenil. Aínda é un pouco cedo para facer unha avaliación, pero creo que está tendo unha boa acollida.
—Comenta que é a súa primeira incursión na ciencia ficción, xénero que moitos aínda consideran unha sorte de irmá pequeno dentro da literatura.
—Non creo que a literatura teña irmáns menores. Hai literatura boa e literatura mala, como na música na pintura ou en calquera tipo de arte. Tamén hai quen considera a literatura infantil ou xuvenil como un xénero menor. Eu teño escrito literatura xuvenil e recoñezo que é moi difícil. Sobre todo si temos en conta que os nenos son uns críticos implacables. Considerar a litetatura xuvenil ou de ciencia ficción como un xénero menor, sería eliminar a Wells, a Xulio Verne, Hans Christian Andersen, a Perrault, aos irmáns Grimm, etc., da lista dos grandes escritores.
—Un dos aspectos que destacan da novela é o coidado da edición. Foi toda unha aposta?
—A edición é máis responsabilidade da editorial que do autor, e penso que Editorial Elvira fixo con Qwerty un gran traballo. É unha edición moi coidada en todos os aspectos. A portada é unha verdadeira obra de arte do extraordinario pintor Alfonso Costa. As ilustracións interiores son do gran ilustrador Guillermo Gaudino moi acadadas para cada parte da novela.
—E xa por último, que outros proxecto, se é que hai, ten a corto e medio prazo?
—Supoño que todos os que escribimos temos sempre algún proxecto en marcha ou in mente. Actualmente estou traballando nunha novela histórica da historia de Galicia, e entre outros proxectos está escribir unha nova aventura de Frei Samuel, que o teño esquecido hai moito tempo e estame a reclamar atención.