Paz reivindica o labor dos clubs galegos que traballan practicamente en condicións de mar aberto: «Ten moito mérito o que facemos clubs como o Breogán, Portonovo o Aldán ou nós. É moi difícil facer piragüismo no centro da ría, sempre nos dá o vento. Case todas as fins de semana tes que cargar as piraguas e ir a algún encoro, o que significa máis tempo e implicación dos rapaces. Os padexeiros que adestran en augas tranquilas non collen tantos defectos nin sobrecargas musculares coma os nosos». Tanto é así, que o illense sentiu a obriga de sacar o título de quiromasaxista ao non poder pagar o club un especialista.
Cunha media de 80 licenzas por temporada na Illa, en cálculos de Paz, poden ser un bo par de milleiros os deportistas que este leva dirixido desde finais dos oitenta. Como o resto dos monitores da entidade, desde o ano pasado sen cobrar, agardando este verán a recuperación do sustento económico que a organización das festas gastronómicas da Illa, canceladas no 2020 e no 2021 pola pandemia, lles proporciona aos clubs locais. «Como dicimos nós mesmos, estamos nisto por enfermidade crónica», comenta o director deportivo. Unha bendita enfermidade que se alimenta da, confesa, súa paixón por seguir aprendendo para continuar ensinándolles a outros.