En todo caso, Da Silva deixa claro que o visitante seguirá atopando «irreverencia, un percorrido pola evolución de Odio, porque o personaxe principal, Buddy Bradley, foi evolucionando con Peter Bagge. Envelleceu, acabou tendo fillos...». De feito, o propio creador, durante a súa estancia en Pontevedra, sinalou que Buddy «foi envellecendo comigo. Tiña vinte anos máis ca mín. Casou, tivo fillos e foise convertendo nun tío cada vez máis excéntrico... Pero segundo ía crecendo, as vendas ían baixando. Tiña moitas ideas para seguir con Buddy Bradley, mais, ao final, as vendas mandan».
A exhibición non obvia unha das arestas, cecais unha das máis interesantes do autor estadounidense, a súa visión política. De feito, o nome da exposición fai referencia a un libro que «me parece fundamental para entender o que está pasando nos Estados Unidos. Fala do estropicio político que sucedeu nos últimos anos, do 11S, da globalización, da dependencia dos outros países, a carreira armamentística, a hipocrisía das persoas nas redes sociais... É unha mestura de libro humorístico e xornalístico, que é unha combinación moi difícil».