Máis contundentes son os sons de Hai sede na nova Galicia, canción na que a banda viguesa de metal Dioivo pon «música ao poema homónimo do homenaxeado Florencio Delgado Gurriarán. Este poema describe a saudade que o escritor valdeorrés sentía pola súa terra mentres estaba exiliado en México logo da Guerra Civil, e pertence a unha das súas principais obras, Galicia Infinda, editada por Galaxia en 1963», referiron. A banda xa publicou en YouTube un videoclip realizado por YOD Multimedia.
Pode parecer estraño que unha banda metal musique un poema de Gurriarán. Pero o certo que non o é no caso de Dioivo, xa que Daniel Valladares e Jacobo Mouriño sacaron adiante este proxecto «poñendo música a Rosalía de Castro e ao seu poema Sempre pola morte esperas, para participar nun concurso organizado polo Concello de Vigo en febreiro de 2016», engadiron ao respecto.