Pontevedra homenaxea ao poeta Florencio Delgado Gurriarán

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

Concertos, certames literarios, exposicións... confluen no Día das Letras Galegas

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de dous anos, por así dicilo, en branco por mor da pandemia do coronavirus, a comarca de Pontevedra conmemora este 17 de maio o Día das Letras Galegas con homenaxes por doquier ao poeta Florencio Delgado Guarriarán. Deste xeito, ao longo de toda a xornada, desenvolveranse toda clase de actividades nos distintos concellos da contorna da cidade do Lérez.

Así, no caso concreto de Pontevedra, a praza da Ferrería acollerá a Gala das Letras (18.30 horas), mentres que, organizado pola Asociación Músico Cultural San Martiño, a Banda de Música de Salcedo ofrecerá un concerto na Casa Verde (12 h.) no que, nunha das pezas, se contará coa colaboración do gaiteiro fornelense Andrés Lorenzo Castro. Pola tarde (18.30 horas), está programado un recital da Coral Polifónica de Salcedo, como anfitrioa, xunto á de Noia, o Coro Samertolameu de Moaña e a agrupación Amigos da Farra.

En Marín, os actos comezarán ás 12 do mediodía coa entrega dos premios da 12 edición do certame de poesía, que recaeu en Mosaico de Versos, de Paula Dombarr. Tamén foron premiados nas distintas modalidades Mael Rellán, Adriana Cambeiro, Aixa Farto, Ramiro Bouzas Berride, Noa González, Iván Gomis, Anxela Portela, Xián Gutiérrez Dopazo e Lara Arias Allariz. Ao seu término, a partires das 13 horas, programouse un concerto de Picuíña na Alameda e na a biblioteca Vidal Pazos podese visitar unha exposición dos carteis elaborados pola Xunta de Galicia sobre a vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán.

Pola súa banda, en Bueu desenvolverase unha nova edición da Romaría das Letras, que promove a Asociación Cultural de Sanamedio, no adro. A xornada iniciarase ás 12 horas co alumnado e o profesorado do CEIP Plurilingüe Montemogos de Beluso e a inauguración da exposición arredor da revista O fiadeiro. Un recital poético con micro aberto, a actuación de Pais de San Roque e Os Liboreiros, a proxección da documental Xela Arias. Poeta nas marxes, de Beatriz Pereira, xogos populares, un espectáculo de regueifa con Lupe Blanco e Josiño, e a actuación de Os Mulos son outras das citas programadas este martes.

Na beira de enfronte, en Sanxenxo, dobre cita coa entrega de premios do concurso Picariños do CCD Sanxenxo na praza Pascual Veiga (12 horas) e no CEIP Portonovo (20 h.) co Festival das Letras Galegas organizado pola Coral Polifónica Santa María Adina e Os Gatiños.

E xa en Poio, ás 17.30 horas arrancará a gala no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, que estará presentado pola actriz e narradora Bea Campos e na que se entregarán os premios do Certame Literario Xaime Illa Couto. Dende o concello confirmaron que a conferencia da periodista Sara Vila Alonso quedou aprazada. En Combarro, o Ateneo Corredoira, organiza unha serie de actos dende as 13 horas con Nelson Quintero Grupo.