A Deputación de Pontevedra promove un ronsel de actividades polas Letras Galegas

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

Os actos centrais terán lugar o 11 e 12 de maio en Vigo e na capital provincial, respectivamente

05 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como un «exemplo de compromiso co país e de loita mesmo nas peores circunstancias» definiu a deputada María Ortega a Florencio Delgado Gurriarán na presentación das actividades polas Letras Galegas, no que a Deputación de Pontevedra desenvolverá diversas actividades: «Achegarnos a Florencio é un modo de achegarnos a aquela xeración do pasado por vir que quería unha Galiza distinta máis próspera e máis libre. E tamén é achegarnos á literatura do exilio, destacando que na súa obra ademais de gabar o país, denunciou a barbarie do fascismo e nos deu a coñecer o que significaba ser exiliado», engadiu.

Haberá sendos actos centrais en Vigo, o 11 de maio e destinado a un público familiar, e Pontevedra, ao día seguinte e para unha audiencia adulta. Este último, O retorno de Florencio Delgado Gurriarán, consistirá nunha mesa redonda conducida por Silvana Moril na que intervirán o biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, cunha exposición baixo o título Marchei sen calar, dándolle sebo as canelas; o escritor e profesor Miro Villar coa intervención O macrotexto poético de Florencio Delgado Gurriarán; e a escritora e tradutora Tamara Andrés, que falará Do xardín alleo: Florencio Delgado Gurriarán desde o prisma da tradución”. Haberá intervención musical de Sheila Patricia, que interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado.

De igual xeito, Polo Correo do Vento levará a 35 concellos da provincia totalmente de balde unha actividade que, «de xeito ameno e participativo, achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á terra e mantemento da loita polos ideas. Nestes momentos está aberto o prazo de solicitude para os concellos, que poderán desenvolver o acto ata o mes de xullo», precisaron dende a Deputación.

A maiores, o Servizo de Publicacións publicou unha obra de banda deseñada do alumnado de O Garaxe Hermético e coordinada por Kiko da Silva. Será distribuída entre os centros de ensino e en diversos actos, así como nos centros de lectura públicos. E, xa por último, a Administración mercou diferentes títulos de Delgado Gurriarán que se distribuirán en bibliotecas locais e puntos de lectura.