Unha homenaxe literaria en Marín aos galegos do exército de Euskadi

PONTEVEDRA

Fototeka Kutxa

A biblioteca municipal acolle a presentación de «Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937»

17 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A través de Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937, que se presentará o vindeiro mércores na biblioteca municipal de Marín (19 horas), Sergio Balchada Outeiral recolle e divulga a presenza de milicianos galegos no denominado Euskadiko Gudarostea. No acto impulsado pola Deputación de Pontevedra coa Asociación de Recuperación da Memoria Histórica de Marín (ARMHM), intervirán o propio autor, a deputada de Memoria Histórica María Ortega e un integrante da ARMHM, Tino Igrexas.

Con respecto a esta publicación, Balchada precisou que, cando a primeiros de outubro de 1936, os milicianos do batallón CNT número 1 Bakunin «se instalaron en Amurrio para ocupar posicións na fronte aravesa non pasaron desapercibidos entre a poboación local, entre outras cousas, polo acento galego de moitos dos seus compoñentes». O certo é que a presenza de galegos no Euskadiko Gudarostea «non foi anecdótica», remarca aludindo que a súa cifra superou moi posiblemente os dous milleiros de integrantes.

De feito, aí está o batallón Celta, que chegará a solicitar unha bandeira «que leve como emblema algo que simbolice a rexión galega», petición que foi feita polo capitán Manuel Lampón Ríos, da Pobra do Caramiñal, e o tamén galego tenente José Paz.

Algúns dos títulos dos capítulos evocan, de igual modo, a influencia galega nos exército vasco: Trintxerpe. A quinta provincia galega; José Echeverría Novoa. O galego que puido ser lehendakari; A mariña auxiliar de Euskadi. Os galegos que morreron na batalla de Matxitxako; ou Despois de Santoña. Unha longa noite de pedra son algúns deles.