Este xoves abrirase o prazo para presentar candidaturas
05 abr 2022 . Actualizado a las 16:58 h.
A segunda edición dos Premios Mulleres no Foco, que impulsan a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e a Deputación de Pontevedra entregaranse este ano na cidade do Lérez. Así o confirmou onte Carmela Silva, quen adiantou que «vai ser de novo un grande evento que imos coidar e mimar moito porque queremos que sexa unha gran referencia a nivel galego e nacional. É necesario este tipo de actividades que visibilizan tanto como aportan as mulleres no audiovisual».
As candidaturas aos considerados como os Mestre Mateo do Audiovisual feminino poderanse presentar a partir deste xoves, 7 de abril, e durante un mes por vía electrónica. Concederanse de novo tres premios nos que se aumentou a súa contía ata os cinco mil euros. A presidenta da Deputación de Pontevedra comprometeuse a seguir incrementando esta cantidade en vindeiras edicións «porque queremos que estes sexan os grandes premios do cinema de mulleres e acabouse asumir premios sen contía cando os deles sempre a teñen. As mulleres premiadas teñen que ter premios axeitados».
O xurado valorará a traxectoria e o talento das candidatas, a perspectiva de xénero nos traballos e o activismo na defensa das mulleres, engadiron ao respecto.