
A compañía precisou que o exercicio rematou cun saldo de caixa de 397 millóns despois de amortizar débeda por importe doutros 198 millóns
01 mar 2022 . Actualizado a las 10:07 h.No 2021, Ence Energía y Celulosa rexistrou unhas perdas de 190 millóns de euros como consecuencia, según informan dende a compañía, «das provisións por 200 millóns efectuadas no primeiro semestre de 2021 en cumprimento da normativa contable, tras as sentenzas da Audiencia Nacional sobre a prórroga extraordinaria da concesión da súa biofábrica de Pontevedra». Engande que, de non ser polo impacto contable destas sentenzas, «o grupo volvería aos beneficios en 2021, cun resultado neto atribuíble de 10 millóns».
E todo iso, a pesar das fortes liquidacións negativas por coberturas de 106 millóns contratadas un ano antes nunha contorna de importante incerteza marcado polo covid-19, coberturas que terminaron en decembro do 2021. Neste contexto, Ence «xerou 76 millóns de fluxo de caixa libre», cicunstancia que «lle permitiu reducir neste mesmo importe a súa débeda neta, que se situou en 102 millóns, concentrada no seu negocio de Enerxía Renovable e sen débeda neta no negocio de Celulosa», engadiron ao respecto.
Desde a compañía precisaron que o exercicio rematou cun saldo de caixa de 397 millóns despois de amortizar débeda por importe doutros 198 millóns «reducido o uso das súas liñas de financiamento de circulante en 56 millóns e pago investimentos por importe de 71 millóns».
Prezo da Celulosa
Por outra banda, incidiron en que o prezo da celulosa rexistrou unha forte recuperación no 2021, pasando dos 680 dólares brutos por tonelada, ata os actuais 1.145 dólares. De feito, os principais produtores de celulosa anunciaron subidas adicionais ata os 1.200 dólares por tonelada para o mes de marzo.
Neste eido, dende Ence advertiron do feito de que «esta fortaleza do prezo da celulosa compensou sobradamente a inflación no custo das materias primas e da loxística, impulsando o resultado operativo do negocio de Celulosa antes de coberturas ata os 141 millóns no conxunto do ano, fronte aos catorce do 2020».
Recurso ante o Supremo
No seu comunicado, a firma recoñece que, actualmente, está á espera da decisión do Tribunal Supremo sobre a admisión a trámite dos recursos de casación relacionados coa prórroga extraordinaria da súa concesión de Pontevedra.
De igual xeito, e no campo do negocio da Enerxía Renovable, o resultado operativo antes de coberturas situouse nos 71 millóns no conxunto do ano fronte a un comparable de 42 millóns no exercicio anterior. A este respecto, precisaron que, en decembro do 2021, Ence alcanzou un acordo para a rotación de cinco activos fotovoltaicos cunha capacidade conxunta 373 MW por un importe de ata 62 millóns, que se irá materializando a medida que se complete a tramitación administrativa de cada un destes activos, prevista entre o cuarto trimestre de 2022 e o primeiro trimestre de 2024.
Situación actual
Por outra banda, neste 2022 e unha vez terminadas as mencionadas coberturas, «a compañía está a beneficiarse do actual contexto de mercado, con forte demanda e prezos nos seus dous negocios, desde unha sólida posición financeira marcada por unha potente xeración de caixa».
Neste escenario, o Consello de Administración de Ence acordou unha «nova política de remuneración ao accionista». Así, a partir deste ano, o criterio que marcará como directriz principal esta política será a xeración de caixa da compañía e as súas sociedades dependentes, mantendo un nivel de endebedamento prudente para o tipo de actividade que desenvolve a sociedade e acorde coas súas obrigacións legais e contractuais: «Estes criterios de retribución permitirán ligar o resultado económico de Ence coa remuneración para percibir polos accionistas, respondendo a principios de sustentabilidade, rendibilidade e prudencia financeira».
Adicionalmente, a compañía anunciou o posible pago, de maneira extraordinaria, dun dividendo a conta do resultado do exercicio 2022 tras o peche do primeiro trimestre