Deputación e Carlos Oroza recuperan en Pontevedra o Caldo de Gloria de Rosalía de Castro

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O Pazo Provincial foi o epicentro da conmemoración do Día de Rosalía

24 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar, / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar». No poema Miña casiña, meu lar, de Follas novas, Rosalía de Castro escribiu sobre o que se coñece como Caldo de Gloria, un prato que onte, coincidindo coa conmemoración na Deputación de Pontevedra do Día de Rosalía, foi recuperado, elaborado e servido entre os asistentes aos actos da man dunha decena de alumnos de cociña do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza acompañados do seu profesorado.

Esta «receita humilde» de Rosalía de Castro tamén é protagonista dos manteis divulgativos que a Deputación repartiu, a través do departamento de Lingua en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, en 33 concellos de Pontevedra para que fosen empregados ao longo da xornada de onte, cando se conmemorou o aniversario do nacemento da autora de Padrón, nos comedores escolares dos centros de ensino públicos e na hostalería local de cada uno de estes municipios.

Entre os concellos que participaron desta iniciativa que poñer en valor tanto a lingua galega como a gastronomía tradicional popular estiveron os de Poio, Barro, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Marín, Caldas e Cuntis.

O certo é que os actos e actividades polo Día de Rosalía desenvolvéronse na maioría de concellos da comarca de Pontevedra, aínda que foi a Deputación Provincial a que capitalizou as celebracións. E o fixo cun acto no que se conxugou música, poesía, reivindicación, gastronomía e, incluso, as camelias, a flor das Rías Baixas.

Deste xeito, o acto incluíu a entrega dos galardóns aos colexios premiados na segunda edición do concurso A Nosa Rosalía. Entregáronse tres premios por categoría consistentes nun lote de libros, se ben, a maiores, o mellor poema musicado de cada unha delas gañará unha actuación no seu centro educativo da representación de monicreques A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola.

A parte musical correu a conta do cuarteto belga de pandeireteiras Ialma, en plena xira por Galicia na que interpretan «cancións do exilio e temas profundos que conviven con outros máis festivos e bailables para homenaxear a Rosalía de Castro». «Estas netas de emigrantes refuxiadas e refuxiados en Bélxica identifícanse con Rosalía e foron recibindo, non sen medo, o relato das súas familias sobre o amor á súa terra», destacou no seu día a deputada de Cultura, Victoria Alonso.

Pola súa banda, a autora buenense Míriam Ferradáns foi a encargada de ler o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) escrito por Beatriz Maceda Abeleira baixo o título de Pensarte libre, que segue o lema desta entidade para o presenta ano. Este manifesto foi entregado en formato físico durante o acto institucional e foi difundido nas redes sociais e tamén na web depo.gal.

Resto de concellos

O certo é que o público no volverá a súas casas coas mans baleiras, xa que, por unha banda, recibirá como obsequio o libro Violetas no asfalto, de Lucía Novas e enmarcado na Colección Medal do servizo editorial do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación e, por outra, exemplares da camelia Rosalía de Castro que forma parte do Xardín de Camelias con Nome de Muller do Castelo de Soutomaior. Tamén recibirán plantas desta camelia os centros gañadores do concurso infantil para plantalos nos recintos escolares e «alí sementar e ver medrar a esencia» da escritora. E como outro agasallo conmemorativo, os asistentes puideron levar a cunca de olaría artesanal que utilizaron na degustación do Caldo de Gloria.

As celebracións estendéronse por toda a comarca, de tal xeito que no Concello de Barro contou coa colaboración do IES e do CEIP Amor Ruibal para seleccionar uns poemas que foron colocados no entorno da Biblioteca, ao tempo que se proxectou a imaxe de Rosalía sobre a fachada do concello. En Poio, entre outras actividades, entregáronse libros aos centros educativos e Producións Dispersas levou a intervención poética Sempre Rosalía ao instituto e Combarro. En Marín, como sinal de respecto pola traxedia do pesqueiro Villa de Pitanxo, limitaron os actos, de tal xeito que se engalanou co camelias o monólito de Rosalía da Alameda e programouse a actuación do Ballet de Galicia.