«Cósmico o bombeiro galáctico», acada o Premio O Garaxe Hermético

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

06 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Co arranque do novo ano coñeceuse o gañador da terceira edición do Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, que recaeu na obra Cósmico o bombeiro galáctico, de Alfonso Barreiro (Fon). Deste xeito, esta obra será publicada por Xerais na próxima primavera despois de que fora elixida por un xurado composto por Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell), Fernando Llor e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación da editorial.

Destacaron que a obra relata «unha aventura que fala, de forma máis divertida que didáctica, do coidado do monte e a natureza (nunha Galicia que, por desgraza, precisa desta caste de heroes) a través dun peculiar bombeiro que, polas súas maneiras, un diría que emparenta con algúns personaxes míticos do anime e o manga». Neste eido, o xurado incidiu en que ofrece un «estilo cartoon infantil moi recoñecible desde outras obras de Fon, con influencias que van desde Jan ata Toriyama».

Alfonso Barreiro pertence á primeira promoción de alumnos formados no do Curso Profesional de Banda Deseñada en O Garaxe Hermético e xa gañou o Premio de Fin de Curso no 2004.