«Colón entendía a súa empresa como unha empresa evanxelizadora»

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

13 dic 2021 . Actualizado a las 13:49 h.

Sacerdote da diocese de Tui-Vigo, Luis Pose Regueiro (Nigrán, 1979) acaba de publicar Cristóbal Colón: Primer Evangelizador de América, «un libro de historia, non é un libro relixioso. É un estudo histórico rigoroso que se centra neste personaxe e na importancia que tivo a relixión para el, persoalmente e para o seu proxecto de Indias. Un estudo histórico moi rigoroso, moi ben fundamentado, sobre o aspecto relixioso. Viría a ser a publicación da miña tese de licenciatura que fixen en Roma».

—Estamos entón ante a publicación dun traballo académico?

—Correcto. É unha tese de licenciatura que, posteriormente, retoquei un pouco, completei e publiquei. No é que sexa exactamente a tese, pero basicamente é o resultado da tese.

—É unha perspectiva, canto menos, innovadora.

—Si. É novidosa porque case que todo o mundo que aborda a este personaxe o enfoca dende outras perspectivas, dende a navegación, a conquista... pero moi pouca xente céntrase nesta dimensión relixiosa e ninguén coa profundidade, co rigor con que eu o fixen.

—Nalgún momento da obra aborda á orixe do navegante?

—Céntrome na etapa de Colón que todos coñecemos. En canto aos seus orixes, aí hai moito misterio. Comento no libro que hai moitas teorías e digo que, entre todas as que coñezo, a que máis fundamento ten é a teoría do Colón galego. Cada vez atópanse máis lagoas á teoría clásica xenovesa, máis cousas que non cadran, e, pola contra, a teoría do Colón galego, sen ser aínda concluinte, cada vez gaña máis peso histórico e documental. Non é un simple capricho. E logo hai outras teorías que teñen moi pouco fundamento histórico.

—O proceso evanxelizador ten que ver na maneira na que Colón bautizaba os territorios?

—Efectivamente. Unha das peculiaridades que ten o libro é ofrecer directamente as fontes. Non quixen facer un libro no que soamente digo as cousas sobre Colón, senón que o que eu digo o fundamento con textos para que o lector os poida contrastar. Colón consideraba a súa empresa coma unha empresa evanxelizadora como pode apreciarse na nomenclatura dos lugares. Si era o Día de Reis, pois Belén; a primeira illa que descubriu adicoulla ao Salvador; a segunda, á Virxe María; e despois, aos Reis. A nomenclatura relixiosa está moi presente na súa toponimia.