O mundo da cultura rende homenaxe ás vítimas da ditadura franquista

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O Pazo da Cultura de Pontevedra esixiu «verdade, xustiza e reparación!» para os represaliados do franquismo

06 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Verdade, xustiza e reparación!». Este foi o berro, esta foi a esixencia que onte escoitouse no Pazo da Cultura de Pontevedra no transcurso da Gala da Memoria impulsada polo departamento provincial de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra. Foi, a todas luces, un evento «nada convencional», definición dada por Uxía, no que a través do humor, a música e a videocreación o mundo da arte rendeu homenaxe as vítimas da ditadura franquista nas vésperas do 85 aniversario dos asasinatos da Caeira (Poio), entre eles os de dúas persoas que presidiron a Deputación Provincial, Amancio Caamaño Cimadevila e José Adrio Barreiro, xunto a Ramiro Paz, Victor Casas, Telmo Bernárdez, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey e Juan Rico.

Ao longo dunhas dúas horas, con duetos, en grupo ou de xeito individual actuaron Uxía, Sheila Patricia, Su Garrido Pombo, Eladio Santos, Wöyza, García MC e Lois Pérez. Todos eles amosáronse «unidos á causa» á hora de pedir «verdade, xustiza e reparación!» para as vítimas da ditadura e a represión franquista.

Conducido polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xuntas configuran Aldaolado, a gala arrancou coas intervencións institucionais da presidenta Carmela Silva e a deputada de Memoria, María Ortega. Silva non dubidou á hora de incidir en que a Deputación de Pontevedra é unha das poucas administracións que fai memoria a día de hoxe, polo que insistiu na necesidade de traballar pola «decencia política» e por unha sociedade na que se repare ás vítimas e se demostre o posicionamento contra o que aconteceu no golpe de Estado e nos corenta anos seguintes.