Chelo Rodríguez: «O noso compromiso coa vacinación podía coas horas e non ter descanso»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A enfermeira Chelo Rodríguez, que foi coordinadora de vacinación contra o covid no recinto feiral de Pontevedra
A enfermeira Chelo Rodríguez, que foi coordinadora de vacinación contra o covid no recinto feiral de Pontevedra RAMÓN LEIRO

A enfermeira di que a época máis difícil foi cando se decidiu non pinchar AstraZeneca

11 oct 2021 . Actualizado a las 17:09 h.

Chelo Rodríguez García (Río de Janeiro, 1961) bota de menos o seu traballo de enfermeira no centro de saúde da Parda, en Pontevedra. Durante os últimos sete meses o seu labor foi outro, primeiro vacinar contra o covid no recinto feiral da cidade e despois encargarse da loxística como coordinadora.

-¿Como lembra o 2 de outubro, cando se pechou o recinto feiral como centro de vacinación?

-Foi un día moi emocionante. Por un lado acababa un traballo de moitos meses e, por outro, despedíame dun equipo de traballo humano marabilloso. Agora cada un de nós imos aos nosos lugares de traballo habituais e chegamos a conformar un equipo de xente extraordinario, xente comprometida, traballadora, e chegamos a facer uns lazos afectivos moi fortes. Eran sentimentos encontrados.

-No recinto feiral empezaron a vacinar en marzo cun ensaio e logo viñeron case sete meses...

-Fíxose un ensaio a mediados de marzo e despois a finais dese mes xa empezamos de forma seguida. Nos primeiros meses vacinábase de luns a domingo. Eran moitas horas. Empezamos doce e pouquiño a pouco fomos aumentando. Foron cambiando algúns compañeiros que foran contratados para a vacinación e foron cambiando. Agora eramos dezasete.