Os diálogos literarios das «Afinidades electivas» arrancan na librería Paz

PONTEVEDRA

TUSQUETS EDITORES

02 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co obxectivo de por en valor a creación literaria nas distintas linguas do Estado, tres librarías pontevedresas participarán nos encontros entre escritores do programa Afinidades electivas, iniciativa que impulsa a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, dependente do Ministerio de Cultura. A librería Paz inaugurará hoxe (12.30 horas) este ciclo acollendo un encontro entre a xornalista valenciana e autora de diferentes contos Bárbara Blasco, e Santiago González Lopo, escritor, profesor e tradutor galego.

A conversa xirará en torno aos seus últimos traballos. Bárbara Blasco achegase a Pontevedra con Dicen los síntomas, a súa terceira obra e Premio Tusquets Editores de Novela 2020, na que narra a crise dunha muller mentres o seu pai agoniza no hospital. Pola súa banda, Santiago Lopo, quen foi gañador do Premio Xerais de novela no 2017 con A arte de trobar, está a presentar a súa novela A carteira (Xerais) protagonizada, tamén, por unha muller nunha situación de crise -esta, económica- que lle fai aceptar un contrato temporal para repartir o correo na periferia dunha cidade.

En canto ao programa Afinidades electivas, esta é a súa segunda edición fomentando encontros entre dous creadores de diferentes linguas oficiais do Estado para conversar entre eles sobre a súa obra e traballo. Neste senso, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacou que a iniciativa «ten como obxectivo impulsar a actividade en librerías independentes, así como apoiar a creación literaria en todas as linguas propias do Estado, poñendo en valor a pluralidade lingüística de España, favorecendo o diálogo e contribuíndo á difusión de literaturas dos distintos territorios».

Lembrou que, «aínda que o programa naceu no 2020 co propósito de impulsar a actividade das librerías independentes e dos autores e autoras durante unha das maiores crises vividas polo sector, consolídase como unha nova aposta do Ministerio de Cultura para fomentar a lectura».