Unha «macroverbena» reúne a sete grandes orquestras no exterior do Pazo da Cultura de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co obxectivo de reforzar o seu apoio ao sector da música de verbena, ao longo de toda a fin de semana a Xunta de Galicia impulsa seis festivais en outras tantas cidades da comunidade -está pendente de fixar o de Lugo- nos que actuarán preto de medio centenar de coñecidas orquestras galegas. No caso de Pontevedra, e con todas as entradas esgotadas dende hai días, a cita arrancará a partir das cinco desta tarde no exterior do Pazo da Cultura e contará coa presenza das orquestras Marbella, La Oca, Triunfo, Televisión, Samba, América SL e Fama.

Deste xeito, todas as actuacións levaranse a cabo en emprazamentos ao aire libre, cunha capacidade máxima para un milleiro de persoas de pé e con división en sectores para garantir a distancia e o resto de medidas de seguridade. A entrada será gratuíta, previa reserva na web www.woutick.es, e cada unha das orquestras participantes ofrecerá cadanseu concerto duns 45 minutos de duración. No caso de non esgotarse por esta canle, as localidades dispoñibles poderán ser retiradas no propio acceso aos recintos, engadiron desde a Administración..

Neste sentido, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, remarcou o feito de que «na Xunta comprendemos e compartimos a súa preocupación». Deste xeito, fixo referencia ao impacto da crise sanitaria neste ámbito, ao tempo que sinalou que se trata dun «colectivo altamente cualificado e profesionalizado, que forma parte esencial da maneira de entender calquera celebración festiva e de ocio en Galicia, a través da oferta duns espectáculos completos, nos que participan diversidade de oficios e que proxectan unha elevada calidade artística».

Esta iniciativa enmárcase dentro da programación do Xacobeo 21-22, ao tempo que supón «un importante reforzo da axuda económica que as empresas deste ámbito veñen recibindo por parte do Goberno galego para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria», precisaron dende a Xunta de Galicia.