Outros 2.163,50 euros para levar a Merchi Álvarez ao seu tratamento en Seúl

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

No Cambados-Vilalonga sorteouse a camiseta dun xogador do Bilbao

29 ago 2021 . Actualizado a las 22:50 h.

Juventud Cambados e Vilalonga disputaron na tarde noite do domingo un dos seus partidos de pretempada. Pero o certo é que no céspede e nas gradas de Burgáns o que menos preocupou foi a contenda futbolística entre dous próximos rivais na Liga de Preferente Galicia. O centro de atención estaba en tentar axudar a unha veciña de Cambados como Merchi Álvarez, que tras pelexar por ela e por todos os enfermos de atrofia muscular espiñal (AME), precisa reunir 80.000 euros para viaxar na primeira quincena deste novo mes que comeza o mércores ata Seúl. 80.000 euros para poder someterse a un tratamento na outra punta do planeta, na capital de Corea do Sur.

Juventud Cambados e Vilalonga esforzáronse por atraer o maior número posible de xente ao campo e engordar unha recadación que foi parar integramente á causa de Merchi Álvarez, a quen lle correspondeu facer o saque de honra xunto cos seus ex compañeiros do club local de taekuondo Innae, que puxeron o seu gran de area cun par de exhibicións en Burgáns.

Finalmente, foron 1.500 euros pola venda de entradas máis 663,50 das rifas para os diversos sorteos feitos no descanso. Os de dúas camisetas e outros tantos balóns doados pola Real Federación Galega de Fútbol, diversas bebidas da adega Pepa A Loba, patrocinador do Juventud Cambados, peluches feitos por Lidia González Pérez e a camiseta de Yeray, xogador do Athletic de Bilbao, que quixo sumarse o sábado á causa. Polo que respecta ao partido, o Juventud gañou 4-5 a penaltis, tras un 1-1 ao final dos 90 minutos.