Manuel Campos, alcalde de Cuntis: «Tentamos que a xente gozase dunha actividade controlada»

juan garcía / m. g. CUNTIS / LA VOZ

PONTEVEDRA

Manuel Campos, alcalde do Concello de Cuntis, no seu despacho
Manuel Campos, alcalde do Concello de Cuntis, no seu despacho Concello de Cuntis

O rexedor comenta como se organizaron as festas patronais na pandemia e adianta os proxectos nos que están traballando

26 ago 2021 . Actualizado a las 14:37 h.

A crise sanitaria afectou de cheo ao programa de festas de moitos lugares de Galicia. No Concello de Cuntis víronse na obriga de cancelar as festas patronais do ano pasado debido ao avance da pandemia. Sen embargo, a mellora da situación epidemiolóxica permitiu que o alcalde, Manuel Campos (PSOE), puidese retomar neste mes de agosto as celebracións da vila, regresando pouco a pouco cara a normalidade.

-¿Por qué decidiu o Concello organizar as festas?

-Dende hai dous anos xa as estamos organizando. Xa o fixemos no 2019. No 2020 foron unhas festas con poucas cousas debido a pandemia. O Concello tomou esa labor de continuar neste coas celebracións. Xa digo o ano pasado a pandemia afectou de cheo, e este conseguimos facer unha programación máis suave, que estivo ben para todos os públicos. A verdade é que funcionou ben, a xente portouse ben e non houbo ningún problema.

-O ano pasado víronse na obriga de cancelar as festas patronais por mor do covid. ¿Como viviu o momento?

-Foi un momento triste. Sobre todo na situación do ano pasado que era moito peor, había moita inseguridade, non estabamos vacinados… Foi un momento difícil, pero ao final foi o que nos tocou vivir a todos os concellos e a todo o país.

-¿Que buscaban coa celebración das festas deste ano?

-O obxectivo era que a xente puidera vir un ano mais despois da pandemia e que houbera un pequeno movemento económico na cidade e na hostalería. E sobre todo tentamos que a xente puidera gozar dunha actividade controlada, porque tiñan ganas dun pouco de festa.

-¿Resultou complexo organizar estes eventos en plena pandemia?

-Ten bastante dificultade, porque hasta o último minuto estás pendente. Nós chegamos a ter 20 casos e despois fomos baixando. A día de hoxe [mércores] temos 7. Cando empezou a programación, todo pendía dun fío, estabamos en nivel medio e xa falamos no último pleno que, no caso de pasar a nivel alto, suspenderiamos as actividades. Non seríamos tan irresponsables de seguir celebrando as festas cun concello en nivel alto. Conseguimos que os contaxios estiveran estancados, nun nivel aceptable, e por iso seguimos adiante, pero ata o último día tivemos dúbidas sobre o que ía pasar.

-¿Que proxectos ten en mente para o municipio agora que remataron as festas?

-Un moi avanzado que temos é a reforma da rúa da Palma. Tamén seguimos traballando en moitos proxectos no rural, onde vamos pouco a pouco facendo distintos saneamentos e actuacións. Apostamos moi forte polas rutas de sendeirismo que están a dar resultado. Todos os días encontras xente nelas e estamos poñéndoas en perfecto estado. Ao mellor non apostamos por grandísimos proxectos, pero ao final imos facendo algo en todas as parroquias e tocando todos os sitios que é necesario.