Máis de 6.800 espectadores acudiron ao SonRías Baixas de Bueu, que movilizou a máis de 300 traballadores

Alfredo López Penide
López Penide BUEU / LA VOZ

PONTEVEDRA

ÓSCAR CORRAL

A organización do festival morracense xa ten a mirada posta na edición de gran formato do vindeiro ano, o 2022

18 ago 2021 . Actualizado a las 20:48 h.

Adaptando o formato tradicional dun festival a un ciclo de seis noites de música ao vivo con doce bandas ou artistas procedentes do panorama galego e estatal, o SonRías Baixas de Bueu fixo este mércores balance dunha cita que favoreceu a reactivación do sector da música en directo sen descoidar os protocolos sanitarios fronte ao covid-19. Este esforzo queda reflexado no aftermovie desta edición publicado en redes sociais.

Deste xeito, Jordi Lauren e Berta Domínguez, o equipo que lidera o evento promovido por PlayPlan Cultural, non obviaron o «difícil desenvolvemento pola incerteza do contexto sociosanitario», ao tempo que destacaron un cartel conformado por Kase.O, La Pegatina, Sés, La M.O.D.A., TéCanela, Tu Otra Bonita, Ciudad Jara, Travis Birds, Iseo & Dodosound, Sabela, SonDaRúa e Muerdo. Cada xornada ofrecéronse dous concertos: «Vivimos seis noites máxicas, de celebración e alegría, de sermos quen de festexar a volta e reactivación do sector da música ao vivo con seguridade; cumprindo cos protocolos que implementamos de prevención da covid-19 e coa total convicción de que o ano que vén SonRías Baixas será o gran festival que desexamos celebrar desde 2020», apuntaron ao respecto.

Neste sentido, destacaron de igual xeito o bo comportamento do público, «que cumpriu coas indicacións do dispositivo así como do persoal de seguridade», que co seu compromiso contribuiu a «manter vivo o espírito SonRías». O ciclo de seis noites de concertos foi consecuencia de «meses de traballo duro e complicado polo contexto e normativa cambiante, pero o apoio tanto do público como dos artistas, técnicos, veciñanza e das institucións públicas foi fundamental para poder celebrar unha edición difícil para nós pero que nunca esqueceremos».

En canto ás cifras, o SonRías Baixas 2021 contou coa asistencia, ao longo de todo o ciclo de 6.812 persoas. Hai que ter en conta que as tres últimas xornadas agotáronse a totalidade das entradas.

Dende a organización incidiron, asemensmo, en que o regreso deste evento, coa instalación do Escenario Xacobeo 21-22 e coa implantación dun dispositivo de seguridade e prevención específico da covid-19 que estivo coordinado polo Sergas no recinto multiusos da Estacada, «supuxo tamén a reactivación laboral do sector de música ao vivo. Así, Sonrías contou coa participación de máis de 300 traballadores, entre os departamentos técnicos, artísticos, produción ou limpeza, entre outros, o que incidiu tamén, positivamente, na contorna do espazo de celebración».

«Estamos moi satisfeitos porque SonRías amosou, un ano máis, que se vive e goza alén do escenario. É tamén un grande apoio e reforzo económico para o propio territorio nesta desescalada e no camiño de regreso á normalidade. O seu impacto económico e social en Bueu nestas semanas segue demostrar, nun momento complicado, o positivo que é para o Morrazo e para as Rías Baixas apostar pola xeración e mantemento de emprego cultural como un sector esencial da economía», remarcou Jordi Lauren, quen agradeceu o apoio da Xunta de Galicia (a través do programa FEST Galicia), da Deputación de Pontevedra (a través de Rías Baixas Fest), de Turismo Rías Baixas e do Concello de Bueu.

Aftermovie nas redes sociais

Como peche desta edición do SonRías Baixas, e coa vista posta xa nun festival de gran formato no verán do ano que ven, é posible visualizar nas redes sociais o aftermovie ou video resumo deste ciclo de actuacións en directo. Ademais de revivir algúns dos mellores momentos sobre o escenario deste festival, a peza audiovisual tamén dá conta do dispositivo de prevención do covid-19 que se implementou durante a súa celebración. Esta peza audiovisual está dispoñible en https://youtu.be/odaF9_ mdcuw