A Ponte de Leira, un dos tesouros agochados do patrimonio estradense

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

PONTEVEDRA

D.C.

O acueduto, que data do século XVIII, atopáse nun estado de deterioro severo

16 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada conta cunha inxente cantidade de atractivos turísticos grazas a un entorno natural privilexiado e a unha historia que lle permite posuír un rico e variado patrimonio. Porén, moitos destes enclaves están nunha situación de abandono, devorados pola maleza, sendo tesouros agochados que resisten o paso do tempo con cada vez maiores dificultades. Un destes lugares é a Ponte de Leira, un acueduto único en Galicia polo que flúen as augas do río Umia.

Esta fermosa construción está no norte da parroquia de Codeseda, aínda que os veciños de Parada e Ribela disputan a súa titularidade. De feito, a presa fíxose para servir de auga os prados e cultivos de Parada, algo que aínda acontece a día de hoxe. Investigadores coma Luis Ferro e JM Bértolo, indican que existen documentos de principios do século XX que falan do uso da auga da presa dende fai máis de 400 anos, aínda que aseguran que non hai testemuñas que validen esa afirmación. A primeira mención á presa e o seu acueduto é no Catastro da Ensenada de 1753, polo que se cataloga a ponte no século XVIII. Ferro e Bértolo sinalan que una construción desta magnitude tivo que ser realizada por alguén con medios económicos suficientes, sendo a familia Leira a principal sospeitosa de mandar erguer a presa ao ser a máis destacada da zona, motivo polo cal tamén levaría o nome a estrutura.

No seu entorno atópanse dous castros, o de Entrecastelo e o de Marcenlos. Isto, unido aos buratos que aparecen nun conxunto rochoso preto da ponte, fan que arredor da presa convivan varios mitos, chamando a esa formación de rochas a Cova dos Mouros.

Coma se fora parte da lenda que envolve o acueduto, achegarse a este espazo é unha misión arriscada, sendo unha travesía non apta para todos os públicos. O acceso pola marxe esquerda do río, ademais de estar cheo de maleza, está derrubado polas choivas, non quedando máis remedio que andar pola presa para evitar esvarar cara o Umia. Pola marxe dereita o paseo é máis cómodo, pero tamén moi perigoso, pasando por unha serie de muíños deteriorados polo desus. Unha vez na ponte, hai que prestar máxima atención, xa que, aínda que antigamente podíase cruzar, agora as lousas que sobreviviron están desgastadas e moi esvaradizas.