Carlos Núñez conmemora os 25 anos de «A irmandade das estrelas»

PONTEVEDRA

XOAN A. SOLER

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo co vinte e cinco aniversario do lanzamento de A Irmandade das Estrelas, o primeiro disco de Carlos Núñez, o recoñecido músico embarcouse nunha xira que esta noite recalará en Marín. Iso si, dende a organización advertiron que, debido á previsión de choiva, non se descarta a posibilidade de trasladar o espectáculo dende o lugar orixinalmente programado -a Finca de Briz (Parque dos Sentidos)- ao auditorio do Colexio San Narciso de Marín. Segundo engadiron, a decisión tomarase o mesmo domingo pola mañá e publicarase de forma inmediata tanto nas redes sociais do Concello como nas do propio artista.

De igual modo, precisaron que, si finalmente confirmase o cambio, as entradas xa emitidas serán válidas. No caso de non estar de acordo co cambio de ubicación, poderase solicitar a devolución do importe pagado. Para iso deberá indicar a dirección de correo coa que efectuou a compra e a referencia das entradas. Dende Ataquilla engaden que «poñeremos todos os medios necesarios para axilizar as xestións e reducir os prazos de devolución».

En canto ao concerto, desde a promotora incidiran en que, este ano e como consecuencia das restricións polo coronavirus, «son tempos para concertos en plena natureza, que nos permitirán todas as medidas de seguridade e distanciamento. Estamos convencidos de que este sistema que iniciamos fai uns cinco anos, pode ser o futuro porque pon en valor o noso, é máis respectuoso co medio ambiente, afástanos das masificacións da vida moderna e, sobre todo, conéctanos coas mellores enerxías da tradición e a natureza».