Uxía e Laura Villaverde amenizan a noite en Pontevedra

PONTEVEDRA

BASILIO BELLO

Os programas «Con voz de muller» e «Vai de monólogos» despídense con sendas actuacións

18 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os afeccionados á música e aos monólogos teñen esta noite unha dobre ración na cidade de Pontevedra na despedida dos programas Con voz de muller e Vai de monólogos, ambos encadrados en O son da rúa.

No caso de Vai de monólogos, o ciclo rematará co espectáculo Chola, a it girl a cargo de Artesa Cía na praza da Curtidoira (21 horas), que «se presenta como Compañía Escénica Transmedia e combina teatro con audiovisual», destacaron dende o Concello de Pontevedra. Esta obra xira en torno a Chola, una moza galega mecánica de coches, blogueira e youtuber que é contratada por un teatro para presentar un monólogo sobre os avatares da súa profesión.

Laura Villaverde, directora da obra, actriz e coreógrafa, «a través da presenza no escenario do seu coche Opel Calibra do 2000 transmitirá, con exemplos prácticos e didácticos, estratexias para poder descubrir quen somos, que nos gusta, que nos divirte... e, sobre todo, saber recoñecer de onde vimos».

Perspectiva de xénero

En canto a Con voz de muller, que programou actuacións musicais e teatrais na praza da Ferrería, é un ciclo centrado exclusivamente na visibilización da figura da muller nas artes escénicas e na música galegas. Neste sentido, dende o Concello de Pontevedra precisaron que, en torno caso, na programación de verán O son da rúa xa inclúe de forma transversal o enfoque de xénero, de xeito que as mulleres artistas están presentes en todos os programas que se inclúen.

Esta noite, a partires das 22 horas, a cantante Uxía subirase ao escenario desta céntrica praza pontevedresa. Considerada a grande dama da música galega, ao longo das súas tres décadas de carreira profesional, «renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás (a forma de música tradicional galega máis antiga e característica) con morna, fado e ritmos brasileiros», tal e como refire na súa web oficial.

Dende o Concello destacaron que ambas sesións, ao igual que todas as actividades de O son da rúa, terán lugar na área aforada de ambas prazas e nas que é de obrigado cumprimento as normas de seguridade vixentes por mor da actual situación sanitaria. Deste xeito, os asistentes terán que permanecer sentados en cadeiras, gardando a distinta de seguridade e o uso de mascarillas é obrigatorio.