Miriam Ferradáns, Patricia Hermida e Cláudia Morán, finalistas do Fernández del Riego

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O xurado estivo integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Cristina Pato
O xurado estivo integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Cristina Pato CEDIDA

07 jul 2021 . Actualizado a las 14:48 h.

La sede de Afundación en Pontevedra acolleu este mércores o fallo dos artigos finalistas do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Tras a deliberación do xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Cristina Pato, deuse a coñecer a terna de finalistas: Miriam Ferradáns, polo seu artigo Dallas, publicado o 10 de novembro do 2020 en Nós Diario; Patricia Hermida, por Historia de como Avó Antonio subiu ao ceo, publicado o 5 de maio do 2020 en El Correo Gallego; e Cláudia Morán por Un deserto, aparecido o 18 de novembro do 2020 en Nós Diario.

Pedro Otero, director xerente de Afundación, subliñou en rolda de prensa «tanto a ardua tarefa de selección por parte do xurado, dada a calidade dos textos presentados, como o papel esencial que o xornalismo desempeña e que, en momentos tan extraordinarios, tan complexos como o actual, require grandes esforzos e se nos revela imprescindible». Víctor Freixanes, pola súa banda, destacou «a calidade, precisión e esmero de todos os traballos presentados. Unha convocatoria deste tipo sempre ten algo de crónica e tentamos premiar aqueles traballos atemporais, pezas literarias que perduren no tempo e sirvan de referencia».

Deste xeito, aludiu ao feito de que as tres pezas reflicten outros tantos «aspectos desa crónica que está presente agora mesmo nos medios. Por unha banda, a temática do coronavirus, que fai que os nosos avós desaparezan e moitas veces non poidamos nin despedirnos deles; por outra banda, unha recreación do mundo que se perde e da Galicia que vai perdendo poboación e se transforma; e finalmente, o tema do Sahara, narrando o abraio dos rapaces cando pasan aquí as vacacións e logo a traxedia de non poder volver cando xa son maiores. Detrás desa despedida sempre hai un desgarro que evidencia a situación de inxustiza das poboacións do Sahara».

Freixanes destacou o aumento dos artigos presentados, un total de 29, dos que 18 foron escritos por mulleres. Podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión, coa única condición de que só se presentase un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega. O premio está dotado con 10.000 euros.