Samuel Fernández leva ao esprint o triunfo na etapa final, co arousán Rubén Fandiño segundo
14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A oitava edición da Ruta do Albariño Memorial Modesto Sánchez Alba, Teto, inscribiu a última hora da mañá do domingo o nome do portugués Antonio Morgado no palmarés de corredores que gañaron a Folla de Prata que recoñece o gañador da xeral de cada edición. Un palmarés copado ao 50 % por corredores que, como Morgado, se presentaron ao longo da historia da carreira xuvenil e sub 21 do Salnés coa camisola do Bairrada luso, e no que figura nada menos que João Almeida, presente no Top 10 final das últimas dúas edicións do Giro de Italia.
Morgado soubo defender na segunda e última etapa da Ruta do Albariño a diferenza de 14 segundos que obtivera sobre os homes do MMR-Academy Iván Romeo e Samuel Fernández na cronoescalada de 3 quilómetros entre Meaño e o Alto do Busto coa que na mañá do sábado arrincaba a carreira de dous días. Defensa sobre un circuíto con catro voltas e 92 quilómetros totais a través dos termos municipais de Cambados e de Ribadumia e saída e chegada na Avenida de Galicia da vila do Albariño, cos pasos polo Alto de Padrenda servindo de pulo a boa parte dos numerosos intentos de demarraxe nun pelotón reducido aos 66 efectivos ao final da Ruta.
O grupo de favoritos tamén se sumou ao carrusel de saltos no pelotón, protagonizando con dez unidades o penúltimo intento no derradeiro paso por Padrenda. Ao final, tres ducias de homes chegaron compactados á meta, con Samuel Fernández gañándolles a partida ao resto e co arousán Rubén Fandiño segundo por uns 20 centímetros de diferenza.
Antonio Morgado fíxose coa xeral cun crono final de 3.52.37, con Romeo a 13,8 segundos e con Fernández completando o podio a 14,2. O vilagarcián Martín Rey (Emico-Erbi Bembibre) rematou oitavo na xeral a 27,8 segundos, e Rubén Fandiño no posto 24, a 1 minuto e 31 segundos. Miguel Ángel Molina (Entrenamientociclismo) foi o campión das metas volantes, Ángel Monje (Súper Froiz) o mellor Sub 21, Sergio Lorenzo (Cidade de Lugo) o mellor galego e quinto da xeral, e o MMR o gañador por equipos.
Samuel Sánchez en Meaño
A Federación Galega de Ciclismo aproveitou o sábado a celebración da Ruta do Albariño para organizar no Hotel Ría Mar de Meaño unha xornada de tecnificación de ciclistas infantís de estrada e de montaña. Con tres profesores de luxo. O vilagarcián Gustavo César Veloso. Samuel Sánchez, gañador de etapas en grandes voltas e único corredor español campión olímpico en ruta. E Benjamín Noval, gregario de Alberto Contador e de diferentes vencedores da xeral do Tour de Francia.