A finais de mes volve o Galegote Rock con 15 concertos en tres días

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación do Galegote Rock, a cargo de Marcos Rivas e Alberto Oubiña
Presentación do Galegote Rock, a cargo de Marcos Rivas e Alberto Oubiña CONCELLO DE PONTEVEDRA

O evento terá lugar do 28 ao 30 de maio en dous escenarios: o palco da Alameda e as escaleiras que baixan a Raíña Victoria

15 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pontevedra recupera este ano o festival de música en galego Galegote Rock tras o adiamento da pasada edición por mor da irrupción da pandemia. O cartaz, que foi presentado este venres polo concelleiro Alberto Oubiña e polo programador Marcos Rivas, inclúe ao redor do 80% das bandas programadas para o ano pasado.

O festival terá lugar durante tres días (28, 29 e 30 de maio), durante os que se programan 15 concertos en dous espazos que estarán acoutados e contemplarán as medidas sanitarias esixidas: as escaleiras que baixan do parque das Palmeiras cara a Raíña Vitoria e o palco da música na Alameda.

Sobre o cartaz do Galegote Rock, destaca a variedade de estilos que se introducen nesta edición, mantendo o rock como base pero introducindo propostas de rap ou mesturas de estilos como cumbia e salsa (como o caso de Los Rastreadores, colaboración de Ortiga con Grande Amore), ou espectáculos que introducen elementos visuais con imaxes e luces (como Laura Lamontagne & Pico Amperio).

«Coa cultura do país»

A recuperación do Galegote Rock únese ao concerto de Ortiga programado para o domingo 23 de maio na praza da Ferraría, no marco da iniciativa Cabos Soltos, e co que se dá o pistoletazo de saída á que será a recuperación da música ao vivo na cidade. «Desde o Concello de Pontevedra temos un compromiso claro coa cultura do país -apuntou Alberto Oubiña- e queremos botar unha man con esta situación».

Marcos Rivas, pola súa banda, fixo fincapé na gran calidade da música actual en galego asegurando que «neste momento, en Galicia está habendo moitísimo nivel» e cominou «ao resto de festivais» a apostar por bandas galegas «sen traer tantas de fóra». Neste sentido, lembrou que a situación sanitaria é unha oportunidade para amosar a música que se fai en contornas máis próximas e apostar pola cultura propia.