A Deputación conmemora o Día das Letras Galegas ao longo de todo o ano

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A primeira das citas, un espectáculo con música da Banda da Loba, fotografías de Xulio Gil e a presenza de catro poetas

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co traspondo do Día das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe a Xela Arias, a Deputación de Pontevedra presentou onte unha extensa programación que, baixo o lema de 365 días en galego, se desenvolverá ao longo de todo o ano. María Ortega, deputada de Lingua, destacou que a mesma está enfocada á mocidade principalmente, de tal xeito que a primeira cita será un espectáculo multidisciplinar, X Xela, en Vigo e Pontevedra os vindeiros 13 e 14 de maio no que se mesturan música, poesía e fotografía, «como ela mesma facía. Será un show dinámico, atractivo e 100 % feminino para homenaxear a unha poeta tan singular», remarcou, ao tempo que precisou que será preciso solicitar un convite no correo vicepresidencia@depo.es.

A parte musical correrá a cargo da Banda da Loba, formación galega que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero, mentres que a vertente fotográfica asumirana Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria. Pola súa banda, a de poesía está comisariada por Tamara Andrés, quen explicou que X Xela contará con catro poetas: «Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto Dúas gamberras e un micro, que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas», engadiu.

A programación da Deputación comprende, de igual xeito, unha vertente educativa en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Así, realizaranse en diferentes centros de ensino de Primaria e Secundaria unha véntena de obradoiros sobre Xela Arias en Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, A Estrada, Fornelos, Oia e Agolada.

Dúas exposicións

Pola súa banda, a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, incidiu en que as actividades abranguerán todo o ano, ao tempo que destacou a organización de sendas exposicións, Lebres como gacelas e Xela Arias, a poesía do retrato. A primeira «é un proxecto multidisciplinar que integra palabra e imaxes, poesía e fotografía» inspirado en Tigres como cabalos, obra de Arias con fotografías de Xulio Gil. Neste caso recollerá as imaxes de Eva Díaz e Fran Herbello, así como poemas de nova creación baseados nelas a cargo de recoñecidas poetas galegas como Olga Novo, Alba Cid, Lara Dopazo, Lorena Conde, Antía Otero, Tamara Andrés e Miriam Ferradáns.

En paralelo organizarase un concurso de fotografía e poesía dirixido ao alumnado de Secundaria e Bacharelato.

En canto á segunda mostra, esta en colaboración co Concello de Vigo, reunirá poemas da autora xunto a retratos realizados por Xulio Gil durante os 80 e 90 «co obxectivo de achegarnos á figura máis intima de Xela».

A Deputación apoiará ás editoriais a través de varios libros vinculados á homenaxeada, en concreto tres da autora lanzados por Xerais -Darío a diario, Poesía reunida e Intermpériome-, así como outros sobre a escritora: Xela Arias. Poeta e tradutora, de Anxo X. Rajó Pazó, e Xela quixo ser ela, de Yolanda Castaño.

Acción escénica

Por último, programarase unha acción escénica no Castelo de Soutomaior para vincular a figura de Xela Arias coa de María Vinyals. Vencerse é unha cousa de se tratar é unha proposta de Fernando Abreu na que participa Monica de Nut, Pablo Carrera e Roi Fernández e baixo a dirección de Avelino González.

Trátase, en definitiva, dunha programación para homenaxear a quen María Ortega definiu coma «unha muller brava que acubilla adxectivos como excéntrica, pioneira, rupturista, inconformista, transgresora e que defendía a liberdade».