A RAG alerta de que o 35 % do alumnado castelanfalante ten unha escasa competencia en galego

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Un estudo incide en que o estudantado «dos centros públicos acada as mellores competencias nesta lingua nas capacidades comunicativas e de coñecemento do código»

27 abr 2021 . Actualizado a las 19:27 h.

O proxecto de avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán entre o alumnado de 4º da ESO realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG) permitiu constatar que, mentres que o debuxo global amosa que a xeración dos centennials remata a secundaria obrigatoria cunha competencia aceptable nas dúas linguas oficiais, a realidade oculta é que «se constata un acusado desequilibrio en detrimento do galego». Deste xeito, se o alumnado galegofalante amosa un dominio similar nos dous idiomas, non ocorre o mesmo co castelanfalante, onde máis dun 35% ten unha escasa competencia en galego.

Dende a RAG manteñen que os resultados desta investigación poñen de relevo a importancia da escola para a adquisición das competencias escritas e o coñecemento do código, aínda que a lingua familiar se mantén como o contexto de maior importancia para o desenvolvemento da oralidade. Deste xeito, o seu presidente, Víctor F. Freixanes, chega a conclusión, tal e como expuso este luns na Deputación de Pontevedra, que o modelo lingüístico vixente no sistema educativo está consolidando os desequilibrios existentes no canto de compensalos, polo que reclamou medidas para reverter o retroceso do galego na mocidade.

«A Academia traballa con datos e estudos de campo sobre os que sostén as súas afirmacións e diagnósticos. Se os obxectivos estratéxicos da educación obrigatoria contemplan que se logre unha competencia plena nos dous idiomas oficiais, galego e castelán, a realidade evidencia unha situación que non podemos aceptar», incidiu. Ao tempo, insistiu en que «é necesario unha revisión a fondo da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego fóra das aulas (...). Non podemos aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego. Por moitos discursos e moita retórica que fagamos, a escola segue sendo o alicerce do futuro do idioma, moi principalmente nos primeiros niveis do ensino».

Pola súa banda, a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, destacou que o traballo amosa o estado da saúde do galego, así como destacou a importancia de fomentar o uso do galego noutros ámbitos da vida máis alá do desenvolvemento e aprendizaxe na escola. De igual xeito, dirixiu a sú mirada cara a mocidade para soster que «hai que contar con este segmento da poboación porque é o futuro, é o que vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente -agardamos- máis do que está», engadiu.

Perfil do alumnado

O certo é que este proxecto permite atisbar un perfil do alumnado en canto ao dominio parello dos dous idiomas , de tal modo que se trata dun estudante «que ten a lingua galega presente na súa vida cotiá, dende a familia ata a escola». Asemesmo, segundo precisaron dende a Administración provincial, outro factor determinante é a titularidade do centro: «O estudo conclúe que os centennials dos institutos públicos rematan a ESO cunha competencia semellante en ambas as linguas, en contraste co que acontece na rede privada, onde se gradúan cun dominio bastante máis deficiente en galego ca en castelán». A mostraxe reflicte que arredor dun 55 % do alumnado dos centros privados e un 40 % dos concertados remata o ensino obrigatorio cunha aceptable capacidade para expresarse por escrito en castelán, pero con problemas para facelo en galego, mentres que nos institutos de titularidade pública esta porcentaxe se reduce a menos da metade.

A conclusión que se extrae é que «a titularidade do centro si discrimina nas competencias en galego, xa que o alumnado dos centros públicos acada as mellores competencias nesta lingua nas capacidades comunicativas e de coñecemento do código». Non obstante, o informe chama a atención sobre o feito de que, malia estes resultados, non se atoparon diferenzas entre os centros privados e públicos nas cualificacións académicas obtidas en lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura.

Esta investigación foi coordinada por Xaquín Loredo, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG, e Bieito Silva, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC, e replicou, con pequenos axustes, outra semellante realizada polo Instituto de Ciencias da Educación da USC no 2009. Ambas teñen en común o obxectivo: determinar o grao de cumprimento do obxectivo establecido na Lei de Normalización Lingüística de que o alumnado debe rematar a educación obrigatoria con capacidade para empregar de forma correcta, adecuada e eficaz as dúas linguas oficiais de Galicia.

Neste caso, a avaliación centrouse nas destrezas de produción oral e escrita, as que informan mellor sobre a capacidade comunicativa, e explorou de maneira complementaria a competencia léxica e gramatical. Os resultados obtidos póñense en relación coas variables sociodemográficas, sociolingüísticas e escolares para comprobar o efecto que estas teñen sobre as competencias avaliadas. Por último, analizouse o perfil competencial do alumnado e a influencia que exercen na súa configuración a familia, o centro educativo e o contexto sociolingüístico.

Os resultados

No estudo participaron preto de seiscentos alumnos de 26 centros de secundaria, dos que case o 44 % aseguraron que tiñan tanto o galego como o castelán por lingua inicial, o 36,1% indicou o castelán e, nunha proporción menor, o 18,1%, sinalou o galego. En canto á lingua de uso maioritario, case o 70 % respondeu que fala única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso similar do galego o 30%.

Neste sentido, dende a RAG precisaron que o traballo describiu a presenza dun importante sector de alumnado cunha escasa competencia en galego. Esta debilidade atinxe fundamentalmente á capacidade para comunicarse oralmente e á comprensión léxica, e afecta, sobre todo, a mozos principalmente castelanfalantes que residen no urbano ou periurbano galego. En definitiva, cando se relacionan os resultados co hábitat, no rural obsérvase un prototipo de bilingüe equilibrado que contrasta co feito de que nas zonas urbanas e periurbanas as puntuacións dominantes son as do castelán, especialmente en expresión oral e na competencia léxica.

Por outra banda, a porcentaxe de estudantes con este perfil acada cifras entre un 35 % para a competencia léxica e un 40 % para a oralidade, «se ben existen notables diferenzas de xénero na expresión oral, máis pobre entre os rapaces».

Para Henrique Monteagudo, estes datos e a súa analise «non achegan cambios cualitativos en relación á investigación de 2009 que se tomou como referente, pero compróbase ata que punto se afirma e agudiza o desequilibrio detectado hai dez anos».