Ana Abad de Larriva recibe o premio de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A dramaturga relata a historia real de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui

15 abr 2021 . Actualizado a las 13:29 h.

A dramaturga Ana Abad de Larriva recibiu este xoves da man da deputada María Ortega o premio do primeiro Certame de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), pola súa peza Un biolo na noite. «É importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica, que forman parte da historia de Galiza, do noso común, do que somos agora», remarcou De Larriva.

A obra foi escollida entre os 22 traballos presentados pola súa empatía ao abordar a situación das mulleres na guerra e na posguerra en Galicia, así como polos recursos teatrais e o «excelente», sinalaron dende a Administración provincial. Engadiron que a mesma está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, «que logo do golpe franquista -e durante catro anos- viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, figura que se pon en valor por percorrer os montes para irlle buscar as menciñas ao fillo e vender roscas na feira para poder mantelo».

A dramaturga agradeceu á Deputación a creación deste tipo de certames, xa que permiten visibilizar e poñer na luz historias como a de María, «que están no cotiá e que coa súa pequena gran achega abriron moita luz no medio da escuridade». Este agradecemento extendeuse ao feito de que a deputada María Ortega apostase polo teatro: «As artes escénicas -incidiu Ana Abad- son un bo medio para traballar dende a palabra e dar vida a estas persoas».

Pola súa banda, a deputada de Memoria Histórica inisistiu en que é preciso «recuperar as ideas da Galiza de antes do golpe, a súa potencialidade, e o que ese golpe e parálise e dor representou para milleiros de galegaos e galegas e que aínda hoxe estamos a sufrir as consecuencias». No caso da gañadora do certame, aludiu á súa capacidade para plasmar «os eixos que persegue o departamento de Memoria Histórica da Deputación de ter en conta a perspectiva de clase, de país e de xénero» mediante un relato curto, pero ameno.

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

En canto á vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez Dapena, non dubidou en cualificar o texto como «fermoso, delicado e comprometido» no que se amosa unha «capacidade técnica e dramática de plasmar a traxedia sufrida por mulleres e homes na guerra civil e na posterior represión. En verdade é un traballo emocionante que chega ao corazón».

Irene Moreira, responsable do departamento de Normalización Lingüística da ESAD, Irene Moreira, recordou que Un biolo na noite fala do «subversivos que son os actos cotiás das mulleres que no golpe militar axudaron a levar a dor que iso provocou».

O premio de Microteatro está dotado con 500 euros en metálico e o correspondente diploma acreditativo, que este xoves se completaron coa entrega dun agasallo consistente nunha pluma estilográfica e un caderno de coiro cos datos do certame e o seu nome gravado.