O Camiño de Santiago, eixo temático da Biblioteca de Poio

PONTEVEDRA

CONCELLO DE POIO

22 abr 2021 . Actualizado a las 14:29 h.

Co gallo da celebración do Día Mundial do Libro, o Camiño de Santiago será o protagonista da programación da Biblioteca Municipal de Poio. A concelleira Raquel Rodríguez avanzou que se levarán a cabo «diferentes iniciativas, pensadas para toda veciñanza», caso de concursos on line e actividades presenciais.

Ademais dunha decoración especial vencellada á esta temática, impulsarase o Pasaporte Compostela. «Marcaranse lecturas e zonas da biblioteca coas frechas amarelas representativas do Camiño, impulsadas no seu día polo sacerdote do Cebreiro Elías Valiña». Cada lector que complete o pasaporte será agasallado cun lote bibliográfico.

De igual modo, lanzarase nas redes sociais un Photocall Literario, un concurso para todos os públicos en redes sociais con fotos relacionadas coa literatura.