Un percorrido pola ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal

PONTEVEDRA

CEDIDA

03 abr 2021 . Actualizado a las 19:48 h.

Ata o vindeiro 5 de abril pódese visitar no vestíbulo da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola a mostra Noroeste cuarta Oeste: roteiros de ficción. Trátase, segundo explicaron, dunha «singradura a través de temas e obras literarias, cinematográficas, televisivas ou escénicas da nosa contemporaneidade. En modo de navegación polo Atlántico percorremos a ficción galega en diálogo coa do Norte de Portugal».

Deste xeito, o visitante pode descubrir fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos que foron recollidos «a modo de crebas ao longo deste itinerario» e que permiten atisbar «a solidez e coherencia dun universo creativo, que evidencia que a globalización dixitalizada do século XXI continúa a necesitar de historias de noso, con novas expresións, medios e soportes». Non cabe dúbida de que estamos ante unha mestura de literatura, cine, teatro, e banda deseñada que van da man dos tráiler audiovisuais, dos chamados book-tráiler e dos making off cinematográficos para dar forma a unha ficción que ten un marchamo propio.

En definitiva, unha renovación de «xéneros, argumentos, personaxes, escenarios» que terminan por compoñer un «mapa conceptual, que deixa entrever as continuidades dos nosos imaxinarios xeográficos e culturais, a un e ao outro lado do río Miño».

A exposición está organizada ao abeiro dun proxecto europeo POCTEP, denominado Nortear, que ten como fin abrir canles de coñecemento e difusión da cultura entre Galicia e a rexión Norte de Portugal. Os participantes neste proxecto, engadiron dende a Xunta, son, ademais da Secretaría Xeral de Cultura de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e o Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteriza, Galicia- Norte de Portugal (AECT-GNP), que é quen o lidera.