«A poesía sempre estivo nun mal momento e por iso sempre estivo nun bo momento»

PONTEVEDRA

PACO RODRÍGUEZ

A autora de Marín é a protagonista mañá dun club de lectura organizado polo colectivo feminista Zeivas

01 mar 2021 . Actualizado a las 11:06 h.

Este domingo, o colectivo feminista Zeivas de Marín organiza o primeiro club de lectura dende que comezou a pandemia. Neste caso e por mor do coronavirus, será online, coa autora marinense Lara Dopazo e o seu libro O Axolote e outros contos de bestas e auga. «Contra o que poidamos pensar, hai bastantes clubs de lectura en Galicia. Como autora, son do máis marabilloso que hai. No o digo por dicir. Cando vas a unha presentación dun libro, o público non o leu e é o seu primeiro achegamento. É como moi unidireccional. Ti vas contar a túa película. Nun club de lectura suponse que a xente leu o teu libro e é unha conversa real. Pero xa non só sobre o libro, senón sobre o seu contexto, sobre os temas que trata... É superenriquecedor. En realidade, é unha conversa con xente que o leu e fai preguntas, comentarios, críticas... A min que me gusta conversar e non falar eu soa, pois é o formato perfecto».

-Coincide nun momento moi simbólico, practicamente, en vésperas dun novo 8M?

-Si, pero debo dicir que o colectivo Zeivas fai activismo feminista todo o ano. Están traballando todo o ano e creo que todos os momentos son bos para falar de feminismo, sexa 8M ou non. Hai que telo presente todo o ano enriba da mesa.

-«O Axolote» son contos e o seu primeiro acercamento á narrativa, non?

-Si. É unha colección de contos, son trece.

-E que supón recibir un premio como o de Illa Nova de Narrativa?

-Un montón de difusión. É un pulo forte porque, sobre todo, eu non publicara narrativa ata este momento. Sempre me movera no mundo da poesía. De repente, sacar un libro e ter un respaldo dun premio e dunha editorial medianamente grande, grande para o contexto galego, é un pulo en todos os aspectos. Amais de que a narrativa ten máis difusión entre o público, hai máis lectores de narrativa que de poesía. Con este libro estou a descubrir todo un mundo.

-Proxectos máis inmediatos? Seguir coa narrativa? Voltar á poesía?

-Non sei dicir. Por onde me leve a vida. Acabo de facer un proxecto moi pequeno con tres libros, tamén, de narrativa para adolescentes coa Coordinadora Galega de ONGD, unha colección sobre defensa dos dereitos humanos. É o máis recente de aquí en adiante xa irei vendo. Non lle teño medo a ningún xénero.

-E xa para rematar, estes tempos de pandemia do coronavirus, son tempos de poesía?

-Creo que a poesía sempre estivo nun mal momento e por iso sempre estivo nun bo momento. Non sei se me explico. Quero dicir que nunca foron bos tempos para a lírica. A cultura e a arte, en tempos de pandemia, de crise, son máis necesarias que nunca. Téñoo clarísimo. Son máis necesarias ca nunca, sobre todo, para abrirnos as fiestras a outras maneiras de ser e de facer, que é o que necesitamos agora mesmo. E ser críticos co que nos rodea.