Arranca un novo ciclo de teatro dominical

A obra «Úniko», de Teatro Paraíso, será a obra que inaugure mañá a edición deste ano de Domingos do Principal


Nun momento no que a evolución da pandemia do coronavirus está afectando negativamente á práctica totalidade das artes escénicas, dende o Concello de Pontevedra destacaron onte que «a boa acollida marca o inicio dos Domingos do Principal, o ciclo de teatro infantil e familiar, que botará a andar este domingo no Teatro Principal». Iso si, todas as sesións desenvolveranse seguindo escrupulosamente todas as normas e restricións sanitarias vixentes por mor da crise provocada polo covid-19.

Deste modo, a obra que inaugurará a edición deste ano nun dobre pase, ás doce do mediodía e ás seis e media da tarde, e Úniko. Con este espectáculo, a compañía Teatro Paraíso (Áraba) mestura sobre o escenario «as técnicas do títere e do teatro máis realista» para amosar «o desacougante tema dos ciumes, mirando de fronte en toda a súa crueza, aínda que sen perder nunca o sentido do humor», destacaron dende a organización. A historia empeza con Paul, fillo único e rei da súa casa ata o nacemento da súa irmá Irati. Este feito «provocara que un medo íntimo a deixar de ser querido se apodere del ameazando a estabilidade familiar».

A obra, que lle mereceu a Maite Bayón o Premio FETEN 2020 á mellor interpretación, está recomendada a partir de 6 anos. Dende o Concello destacan que aínda queda algunha localidade dispoñible no anfiteatro para o pase do mediodía, así como tamén para o patio de butacas para o pase da tarde. Poden adquirirse anticipadamente en

Ataquilla.com ou na billeteira física do Teatro Principal entre as 10 e as 11 da mañá para a sesión matinal, e de 16.30 a 17.30 horas para o segundo pase.

Dadas as restricións que entraron en vigor o pasado venres, no caso de que os compradores pertenzan a concellos diferentes ao de Pontevedra e, polo tanto, estean afectados polo peche perimetral, poden solicitar a devolución das entradas en ataquilla@afundacion.org.

Este mesmo feito, o da pandemia, determinou que este ano descartarase a opción do formato abono. De igual modo, e pola situación actual, tampouco se organizarán os pases escolares habituais.

En todo caso, a 22 edición de Domingos do Principal ten previsto ofrecer dez espectáculos entre este domingo e o 21 de marzo. Deste xeito, o ciclo continuará o vindeiro domingo co espectáculo de Elefante Elegante, A danza da choiva, que está programado en colaboración coa Rede Galega de Teatros da AGADIC. As entradas están tamén á venda anticipada en Ataquilla.com a un prezo único de 4 euros máis gastos.

Salón do Libro

As tres últimas obras deste ciclo coincidirán no tempo coa celebración do Salón do Libro de Pontevedra, polo que están relacionadas coa súa temática. Isto é, o cambio climático, o ecoloxismo e o Efecto PO2.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Arranca un novo ciclo de teatro dominical