A paixón que fai xirar un club de base

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Martina Miser

Oubiña leva unha década axudando a manter viva en Cambados a chama dun voleibol que a atrapou

11 ene 2021 . Actualizado a las 19:36 h.

A capacidade dun profesor para impactar na vida dos seus alumnos é directamente proporcional á paixón que sexa quen de lles transmitir. A do profesor de educación física de Mariel Oubiña Vázquez (1976) no Colexio Público de Corvillón (Cambados) resultou extraordinaria. Ata o punto de acabar determinando o crecemento e consolidación dun deporte minoritario coma o voleibol na vila do albariño, convertida no mapa federativo da modalidade nunha illa ao sur da ría de Arousa.

Unha década leva a nosa protagonista á fronte da dirección técnica do XAV, Xóvenes Afeccionadas ao Voleibol. Un club modesto, de base, exclusivamente feminino para pesar da súa directiva, encantada coa idea de poder gozar algún día tamén de sección masculina e poñer fin a «unha eiva», como a cualifica a cambadesa. Adestradora e membro do equipo xestor da entidade, o volei é un camiño circular que levou e trouxo de volta a Mariel, entregada a esa paixón que lle soubo transmitir ben de nena José Antonio Meijón nas súas clases de educación física nos 80.

«Era afeccionado ao volei e meteunos o becho», conta Oubiña. A ela, e a moitas outras compañeiras de colexio. No seu caso, ser amiga da filla do profesor acelerou a súa iniciación. Con 7 anos comezou aprender os rudimentos dun deporte que a levou a celebrar o subcampionato galego infantil como despedida da antiga EXB.

Sabendo da semente prantada polo seu colega, outro profesor, o sanxenxino Juan Cortegoso, deu un paso máis no arraigo do voleibol en Cambados fundando un club, o Voleisán, precedido dunha escola municipal. Un proxecto no que «din os meus primeiros pasos como xogadora -federada- e como monitora», conta Mariel.

Asentado na Segunda División, a máxima categoría autonómica e daquela liga de bronce do voleibol español, o Voleisán perdeu en 1999 a Juan Cortegoso, falecido ese ano. Obrigadas polo regulamento federativo a dispoñer dunha estrutura de base da que carecían nese momento, Oubiña e as súas compañeiras falaron con Rita Llanes, a presidenta dun club, o XAV, que impulsara en paralelo xunto con outro profesor de educación física, Alejandro Fariña, dando unha saída máis á demanda de voleibol entre as rapazas de Cambados. Voleisán e XAV asinaron un convenio de filialidade, que durou dous anos, 2000 e 2001, ata que o sénior do XAV escalou a Segunda e a relación xa non puido continuar. Unha separación que acabou coa disolución do Voleisán, con traca final.

Subcampioas de Liga por detrás do Xiria, no último ano do club disputaron a fase de ascenso xunto a outros sete equipos do norte de España por dúas prazas no equivalente á actual Superliga 2. «Puideramos ir porque era en Carballo. Para nós fora un agasallo. Era un venres, sábado e domingo. Nin sequera quedabamos a durmir e tiñamos xente traballando que non puido xogar. Había moita diferenza e acabamos en mala posición. Os clubs modestos é o que teñen. Pero para min foi o máximo», relata a arousá. Unha experiencia que lle servíu para reafirmar o seu amor polo voleibol: «Énganchate, engánchate e engánchate. Encántame. É un deporte de súper equipo, máis ca ningún outro. Por moi ben que o fagas, dependes totalmente das túas compañeiras. E coñeces a moitísima xente. Eu fixen moitas amigas nel». Comezando polas camaradas de equipo, de Cambados, de Sanxenxo e de Pontevedra, algunhas coas que xogaba desde os 15 anos, coas que se pasou ao Comercial Durán da cidade do Lérez.

Alí xogou desde o 2002, na Segunda División, ata o embarazo da primeira das súas dúas fillas, no 2008. Entón Rita Llanes, a presidenta do XAV, preguntoulle se quería botar unha man no club. Ese ano sacou o título de técnico nivel 2 mentres dirixía un equipo cadete. Ao seguinte trouxo a sete ex compañeiras do Comercial Durán para devolver o XAV á Segunda. E ao pouco asumíu a dirección técnica, desde a que foi «recrutando xente», como a súa irmá Raquel, tamén adestradora, ou Fátima Cortegoso, actual presidenta, ex xogadora do club e filla do fundador do Voleisán. Unha desembocadura que Mariel ve como a evolución natural de quen era colocadora, «a encargada de distribuír o xogo do equipo. Creo que por aí me vén o bechiño de querer adestrar», di.

«Ía cumprir os 40 cando me retirei. Dende os 11 que comecei competir só estiven parada cando estiven embarazada ou lesionada». Unha enerxía que Mariel concentra agora en facer do XAV un lugar que agasalle ás nenas e rapazas da comarca, e aos nenos que se animen, con aprender a gozar do voleibol. «A nosa pretensión nunca foi a dos ascensos, hai que ser realistas. O noso ten que ser un club de base, que enganche a mocidade ao deporte», salienta Oubiña. Un club disposto a prescindir do seu equipo sénior nesta dura tempada marcada pola pandemia para preservar o xuvenil, despois de aprender hai inda pouco do erro de invertir a orde de prioridades e tardar en recuperar ese último chanzo da carreira de formación dunha entidade que non procura gloria para os seus deportistas, senón descubrirlles o deporte como esa parte esencial da vida que é.

Persoal

Nada na parroquia cambadesa de Corvillón o 14 de xullo de 1976, Mariel Oubiña Vázquez é licenciada en Filoloxía Galega. Profesora de Secundaria interina, actualmente imparte clase na Escola Oficial de Idiomas de Vigo. Con anterioridade traballara como axente dinamizadora do medio rural no xa extinto Centro Comarcal do Salnés e tamén como profesora de cursos Celga da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Deportiva 

Xogadora de voleibol durante tres décadas nos dous clubs de Cambados e no Comercial Durán de Pontevedra, coa máxima categoría autonómica por teito, leva 10 anos coordinando o traballo do corpo de adestradores do XAV.