Unha feira das industrias culturais onde tamén os máis pequenos teñen espazo

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

No marco da programación xuvenil, Ledicia Costas presentou os seus novos libros

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En moitas ocasións, ao falar de industria cultural pénsase exclusivamente en termos de adultos, esquecendo que os máis pequenos e a mocidade tamén a consumen. «Están equivocados -sostivo onte a escritora Ledicia Costas referíndose aos que pensan desta maneira-. Hai toda unha industria arredor dos nenos e das nenas riquísima, diversa, e ademais con auténticos fans, un exército de seguidores que consume produtos culturais infantís galegos».

Ledicia Costas asina exemplares dos seus libros ás portas do Teatro Principal
Ledicia Costas asina exemplares dos seus libros ás portas do Teatro Principal CULTURGAL

A autora de Escarlatina, a cociñeira defunta e Jules Verne e a vida secreta das Mulleres Planta foi unha das protagonistas da xornada do sábado na Culturgal, cita á que acudiu para presentar as novidades no marco da serie Os minimortos e o libro Vampira da Biblioteca e todo baixo estritas medidas de seguridade sanitaria polo covid-19. «É un pouco peculiar todo. Estamos acostumadas a que a Culturgal sexa un punto encontro, de ver á xente coa que normalmente non podes estar porque vives en lugares distintos da xeografía galega e hoxe temos como pequenas pílulas para públicos reducidos, pero creo que o importante é que a cultura continúe», engadiu, ao tempo que confesou que durante o primeiro estado de alarma, co confinamento domiciliario, «practicamente non fun capaz de escribir porque non me podía concentrar, tiña na cabeza outras preocupacións que me impedían centrarme no traballo».

Esta situación mudou na actualidade, na que está vixente un segundo estado de alarma aínda que menos restritivo: «Xa superei esa fase, quizais porque xa coñecemos ao que nos estamos a afrontar. Agora estoume gorecendo nos libros e nas historias que escribo, como as tres que presentei na Culturgal», remarcou.

Con elas, Ledicia Costas promete «moitísimo humor, moita emoción, aventuras, momentos que creo que poden quedar nos lectores e nas lectoras nos seus corazóns de cara o futuro. Penso que de cada unha desas tres historias van poder sacar algo que digan: ‘‘Caramba, acórdome daquel libro. Como me rin, como me chamou aquel personaxe''».

Ademais da presenza de Ledicia Costas, o certo é que o Culturgal, como en edicións precedentes, mantén unha programación cultural dirixida ao público infantil e xuvenil. Así, entre outras citas, o Foro Libros arrancou con A pequena compaña, de Furabolos, mentres que no auditorio do Pazo da Cultura puideron gozar cunha actuación de The Rebel Spirits, agrupación saída desa fecunda factoría pontevedresa de músicos que é o Estudo Bonobó.

CAPOTILLO

Este espazo acolleu dous dos concertos máis esperados da edición trece da Culturgal, os de Susana Seivane, co seus Concertos do desconfinamento, e de Luar na Lubre, que aterrou en Pontevedra co seu último traballo discográfico, Vieiras e vieiros, historias de peregrinos. En ambos casos chegaron ao Pazo da Cultura da man do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

Pola súa banda, e no caso do público infantil, na xornada de clausura está programado Pakolas por partida dobre, cun concerto e coa presentación de Ramona Orbita. A dona do tempo, pero tamén Fina Casalderrey que chega con Lingua guapa. Cantos que contan o as presentacións dos cómics Os berros da motocicleta e O pacto do letargo.