Carlos Acevedo: «A escravitude desapareceu porque non era economicamente rendible continuar co negocio»

PONTEVEDRA

CEDIDA

Acevedo é o tradutor de «Breve historia da escravitude», que ven de ser reeditada por Kalandraka

28 nov 2020 . Actualizado a las 20:20 h.

A editorial pontevedresa Kalandraka anunciou esta semana a reedición de Breve historia da escravitude, de James Walvin, obra da que Carlos Acevedo foi o tradutor.

-Que destacaría deste ensaio?

-O que é interesante é que se trata dunha reflexión sobre o que é a escravitude, cal é a súa orixe histórica, pero James Walvin o que fai é amosar todo o percorrido histórico desta institución humana a través dos textos históricos. Atopamos textos clásicos, latinos, da antigüidade, medievais, como poden ser as Cartas de Colón… a través dos que vai dando conta de como era o fenómeno, como se organizaba todo. O libro centrase, sobre todo, na historia da escravitude no comercio atlántico entre África e América, principalmente, dende o punto de vista anglosaxón, que foron os que máis explotaron este comercio

-Sempre que se fala de escravitude pensamos neses barcos negreiros que saían de África, pero isto so é unha parte, non si??

-Claro. Era un sistema moitísimo máis complexo. O autor amosa que todas estas empresas comerciais eran organizadas dende Inglaterra para mandaren barcos ás costas da África occidental onde adquirir escravos, persoas africanas que foran xa escravizadas por outros africanos. Eran traídos normalmente dende o interior de África e aproveitándose do feito de que non eran persoas de relixión musulmán. Era unha escusa para escravizalos facilmente, porque, en principio, o islam, e o cristianismo, non permite escravizar a outros musulmáns ou a outros cristiáns, respectivamente.

-Na parte final do libro reflexa, máis brevemente, que o escravismo segue a existir na actualidade, que aínda hai sociedades na que segue a ser parte da súa configuración?

-Si, é unha reflexión que fai Walvin. É certo, pero é un fenómeno residual que existe nunhas condicións que son totalmente ilegais. Ningún ordenamento xurídico de ningún país democrático admite esta posibilidade. Creo que menciona o caso de Mauritania onde quedan algúns costumes tradicionais en certas rexións. Logo está o tráfico de traballadores, o de seres humanos, a explotación, que aínda queda no mundo. Aínda estamos a ver no norte de África a xente que acaba capturada por redes que trafican con persoas, pero non ten nada que ver co fenómeno do tráfico transatlántico de escravos que houbo ata o século XIX.

-Despois de traducir «Breve historia da escravitude», que conclusión sacou?

-Persoalmente, o que máis me chamou a atención foi que a institución da escravitude desapareceu porque xa non era útil, xa non era economicamente rendible continuar co negocio. Os ingleses cando se decataron de que era antieconómico decidiron pórlle fin, sobre todo cando se decataron que na India, un territorio recentemente colonizado, podían obter man de obra moitísimo máis barata e que, ademais, non tiñan que manter. Era máis rendible producir azucre en Asia, na India, que producilo no Caribe e ter que manter aos escravos.