Culturgal álzase sobre a pandemia

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O Pazo da Cultura acollerá entre o 27 e o 29 de novembro máis de setenta propostas da industria cultural galega

21 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Darlle volta á tortilla. Facer do defecto, virtude. Ou ao mal tempo, boa cara. Son clichés, expresións feitas, pero que, dalgunha forma, acomódanse á edición da Culturgal 2020, que se desenvolverá en Pontevedra do 27 ao 29 de novembro e que leva por lema En caso de emerxencia, cultura. Nun momento no que a pandemia do coronavirus está causando estragos na cultura, entre outros sectores económicos, a cita pontevedresa mantense fiel no seu obxectivo de mostrar ao gran público a actividade cultural que se está a facer ou vaise facer o ano que ven en Galicia.

Deste xeito, retransmitirase o que acontece no escenario -Escena, Foro, Libro- e, tamén fóra del: «Chegar ás casas durante a última fin de semana de novembro é a meta que se propón o evento nesta edición da pandemia. Agás a sala de cinema, toda a programación será accesible desde a casa en cultur.gal», destacaron dende a organización, ao tempo que precisaron que se manterán algunhas citas presenciais nas que haberá que cumprir cos protocolos sanitarios e coas limitacións de aforos.

Literatura, música, arte contemporánea, cinema e artes escénicas daranse cita no Pazo da Cultura de Pontevedra. Deste xeito, o Espazo Cinema será exclusivamente presencial, mentres que a programación de Foro -sala de exposicións-, Escena -auditorio- e Libro -Teatro Principal- será transmitida a través de tres canles na web cultur.gal.

Entre o 28 e o 29 de novembro están previstas máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, libros, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia que serán retransmitidas por unha ducia de cámaras e un equipo de máis de sesenta persoas.

Jacobo Sutil, director da Agadic da Xunta, deixou claro que Culturgal tiña que celebrarse «si ou si. É un punto de inflexión para a cultura no ano en curso e no próximo». A Administración autonómica presenta unha vintena de actividades culturais entre concertos, proxeccións, actuacións escénicas e presentacións. «Como en edicións anteriores, a Xunta traerá a Culturgal moitos dos seus proxectos, a maior parte deles mediatizados tamén pola pandemia ou agromados, precisamente, a partir das medidas do plan autonómico de reactivación do sector cultural», sinalou.

Pola súa banda, Carmela Silva destacou que as propostas que achegará a de Pontevedra están ligadas a dous grandes eixos transversais: a igualdade e a memoria. Así, presentaranse, entre outros, os programas de Re-acción Cultural, o de Memoria Histórica O pasado por vir, así como aa performance de Violencia Zero Can Cancela Calafrío con María Roja, e presentarase o libro O castelo de Soutomaior, de Diego Piay.

Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, subliñou a teima da organización por celebrar esta edición: «É bo saber que non hai pandemia que poda coa Culturgal».