Tres xornadas de erotismo, música e poesía para homenaxear a Carvalho Calero

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A Deputación de Pontevedra organiza un concerto, a presentación dun libro e un espectáculo artístico polo Día das Letras Galegas

17 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia do coronavirus está a provocar, entre outras cuestións, unha reorganización da actividade cultural. Nalgúns casos, óptase por cambiar o chip e apostar por alternativas á espera de que remate a crise sanitaria, mentres que noutros se buscan novas datas no calendario adaptando os distintos eventos aos protocolos para minimizar os riscos de contaxio.

É o que pasou co Día das Letras Galegas, que nesta edición está adicado Carvalho Calero, autor que vai ser homenaxeado pola Deputación de Pontevedra con «poesía, música e erotismo». Así o anunciou a deputada de Lingua María Ortega ao dar conta a programación dos vindeiros 21, 23 e 30 de outubro.

Ortega adiantou que algunhas destas iniciativas serán unha «grande sorpresa», así como que xerarán moita expectación por ser moi novidosas, a pesar do que será obrigado manter restricións de aforo e solicitar convite para asistir. «Queremos poñer en valor a figura de Calero, a súa relevancia, e dar a coñecer a súa persoa, o seu pensamento e a súa obra», engadiu rememorando que, coincidindo con 17 de maio, a Deputación conmemorou a efeméride nas redes sociais coa lectura de textos deste autor.

A programación prevista arrancará este mércores (20 horas) no Museo de Pontevedra cun concerto do grupo Xardín Desordenado. Un dos integrantes desta banda, Isaac Garabatos, explicou que levan unha década musicando poetas, polo que a súa proposta centrarase no descubrimento do sentido poético do autor ferrolano, ao que cualificou como «directo e emocionante».

No concerto abordarán temas cenitais da obra e vida de Calero, como a súa relación coa súa terra natal, Ferrol, ou «as reunións entre colegas». Garabato sinalou que «un exemplo da forza de Calero é o poema Futuro condicional no que fala dunha rapaza negra que vive unha situación de escravismo nas mans dos homes brancos e, a pesares da dificultade, a ensalza con poderío».

Posteriormente, o 23, os actos trasládanse á sede viguesa da Deputación coa presentación do libro Carvalho Calero sen Fronteiras. O propio autor, Aser Álvarez, apuntou que pretende homenaxear a un dos autores «máis inxustamente descoñecidos pola súa independencia».

Xa por último, o 30 de outubro, o Museo de Pontevedra acollera o espectáculo Eterna e múltipla do colectivo O fruto e a serpe. Unha das súas integrantes, Elvira Jardón, confesou que es un «proxecto difícil de clasificar por ser un híbrido entre un recital, un concerto e unha tertulia no que a idea principal é o diálogo interxeneracional e interxénero co Calero máis poético». Trátase dun diálogo entre dúas poetas mulleres actuais e a voz que Carvalho Calero adoptaba falando como muller e poñéndose na súa pel. «Inicialmente centrámonos na súa parte erótica, porque Calero é un dos grandes representantes da poesía erótica galega».