Lourdes Maceiras: «Reducir a oferta de optativas en bacharelato é unha posible solución»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A nai e docente, ao fronte da ANPA O Verxel, afirma que a presencialidade todos de mañá é inviable

10 oct 2020 . Actualizado a las 20:41 h.

Lourdes Maceiras García leva tres años á fronte de Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) O Verxel do IES Sánchez Cantón de Pontevedra. Conxugar a docencia en pandemia nun centro educativo con mil alumnos é complexo e a solución de 100 % de presencialidade que pide o grupo de pais de bacharelato non é doada. Esta profesora universitaria defende o traballo da ANPA e anuncia que en breve publicarán os datos da enquisa sobre a forma de docencia trasladada ás familias socias.

-O curso arrancou o 23 de setembro con queixas. ¿Como está a situación?

-Necesitaríase máis persoal, tanto de profesorado como de limpeza, tamén máis espazos onde meter a xente. É un centro moi masificado e iso fai difícil calquera solución. As solucións non son doadas, se o fosen xa estaría todo solucionado e se non está é por algo.

-¿Que fixo a Administración educativa e o centro ata o de agora?

-Avaliáronse as posibilidades de buscar outros locais, tanto dentro do sector educativo como fóra, pero a estas alturas xa se veu que non se pode meter ao profesorado e ao alumnado deste instituto noutros centros educativos.

-¿Con máis profesores poderíase solucionar a docencia no instituto?

-Habería unha maneira de solucionalo dentro do edificio. Sería reducindo a oferta de materias optativas de bacharelato. É necesario ter un espazo de tempo entre clases e clases de distintos grupos para limpar a aula. Habería que desmatricular ao alumnado das materias nas que está e rematriculado. Se agora hai sete optativas é necesario máis profesorado, se houbera tres, por exemplo, sería outra cousa. Esa sería unha posible solución, pero habería que desmatricular e rematricular e volver a empezar nas seguintes materias.

-A xente quere todo presencial...

-Aquí hai todo tipo de peticións, presencialidade total, como sexa. Porque aínda que hai xente que di que non todo o mundo quere a presencialidade total, si que hai xente que di todos xuntos, con anteparos e con mascarillas e todos pola mañá e iso é inviable. Isto non é a tenda de Harry Potter que por fóra é normal e por dentro se estira.

-¿Vostede é optimista sobre a solución?

-Eu bola de cristal non teño. Este xoves pola tarde noite tivemos unha reunión tres persoas da ANPA, tres do colectivo de pais e tres do equipo directivo do instituto. ¿Futuro? Hai un problema. Estamos en pandemia, hai xente que dá positivo, profesorado que está de baixa e vai seguir estando. Iso é unha realidade coa que temos que estar no día a día. Neste momento hai algún de baixa que aínda que non se puido cubrir e primeiro, entendo eu, hai que cubrir tamén por especialidades. Hai materias moi especiais, este centro ten Tafad, entón todo o que sexa Educación Física específica, por exemplo, necesitamos un profesor de voleibol, pois un de ximnasia que estudou Educación Primaria ou Secundaria non vai coller unhas clases específicas de voleibol para o alumnado de competición deportiva. Hai materias moi específicas que non pode dar calquera. Isto complica o das listas de agarda de profesorado para sumarse. Entón, primeiro hai que cubrir as baixas que hai e despois a ver canta xente dá. Se hai profesorado pero non suficiente, igual habería que priorizar aos que teñen a ABAU (2.º de bacharelato).

-¿E se non chegan?

-Deron xa unha tanda de profesorado e debemos ser un dos centros de Galicia que máis profesores recibiu, pero era para ESO, porque é obrigatorio.

-¿Contemplase a instalación de módulos ou casetas en Raíña Victoria para dar clase?

-Eu penso que é un díxome, díxome. Oficialmente non hai nada. Non é só ‘poñemos catro módulos’, pero a cousa non é así, necesitarán calefacción, Internet, toda unha dotación para docencia a uns niveis de calidade. Isto xa sabemos como vai, coñecín centros escolares nos que se puxeron módulos deste tipo temporalmente para un curso e vinte anos despois seguen alí.

-O grupo de pais de bacharelato di que conta co apoio da ANPA, pero que esperaban que asociación se puxera máis ao fronte. ¿Que opina?

-Solucións querémolas todos, a dirección do centro, o profesorado, o alumnado, as familias. Cando di que queren máis implicación, nós fixemos escritos á Consellería de Educación, pedimos entrevistas, tramitamos papeleos.... o que non entramos foi en medios de comunicación. Nas manifestacións que organizan eles sempre hai alguén en representación da ANPA. Ao mellor pretenden que esteamos toda a xunta directiva da ANPA á cabeza da manifestación. Temos un problema, nós tamén traballamos e temos que adaptar os nosos horarios laborais as cousas que se fan. Cando din ‘a ANPA non fai nada’, non é verdade.

-Contactaron co epidemiólogo Juan Gestal...

-Penso que fomos as únicas persoas que nos puxemos en contacto con Juan Gestal, o catedrático de Preventiva, porque pensamos que ademais de ter a opinión de Educación hai que ter tamén a opinión de Sanidade. É moi importante o 100 % de presencialidade, pero non é o mesmo ter un centro con 300 ou 500 alumnos todos xuntos, que un de mil e pouco todos xuntos. Hai que pensalo. Presencialidade 100 % como sexa, todo o mundo, trinta e tantos por aula e aos quince días todo o mundo na casa. Tamén hai que pensar que as veces a xente parece que non sabe sumar. Algúns din que é moi cómodo vir ao instituto a dar nada máis tres horas e me pagan todo o soldo. Tres horas está o alumnado, non o profesorado. O profesorado ten máis dun aula, dun curso e ten clases. As veces perdemos un pouco o norte.

-Vostede é profesora, entende tamén as queixas dos docentes...

-A partir de marzo, en que nos encorentamos todos, eu traballei tres veces máis na corentena do que traballei na aula. Este curso debería funcionar mellor a teledocencia porque está a materia máis preparada, pero tamén é verdade, na universidade non pasa tanto, pero si nos institutos, que cambian de materia e de curso e hai que preparar temas. ¿Pode haber xente que aproveita a situación para traballar menos? Pode, pero eu penso que a meirande parte da xente traballa máis.