«Feliz idade», editado por Kalandraka, Premio Nacional da Crítica Española

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

KALANDRAKA

A obra de Olga Novo fíxose co premio no apartado de poesía galega

28 sep 2020 . Actualizado a las 13:04 h.

A obra Feliz Idade, de Olga Novo r publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, da editorial pontevedresa Kalandraka, vén de recibir o Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega. Este recoñecemento da Asociación Nacional da Crítica Literaria súmase ao Premio Gala do Libro 2020.

Dende Kalandraka destacaron o feito de que «o eixe de Feliz Idade é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta». Trátase, polo tanto, «dun poemario cun fondo calado sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono».

Engaden que «vidas, persoas e historias son a materia prima deste poemario, que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións da familia». Nos poemas apreciase, asimesmo, a impronta xa no so de autores galegos, dende Rosalía de Castro ata Luís Pimentel, senón tamén foráneos, caso de John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas. «Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada dende a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte -con autenticidade e paixón- a evolución da vida», concluiron.