«Hai que seguir atentos, non baixar a garda e aplicar todas as medidas preventivas»

Alfredo López Penide
l. pENIDE PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

cedida

07 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O dos maiores foi o sector de poboación máis damnificado pola pandemia do coronavirus. «Son coñecedor do gran número de contaxios e falecementos que si se produciron en residencias, hospitais ou nos propios domicilios, así como da soidade na que moitos se viron inmersos pola distancia dos seus seres queridos ou doutras circunstancias», recoñeceu onte Ricardo Fra Otero, quen como director técnico dos centros Saraiva foi invitado a realizar a invocación a San Roque e Santo Estevo, os dous santos que libraron a Pontevedra da peste bubónica e o cólera, na basílica de Santa María de Pontevedra.

 

Neste punto, Fra Otero deu «grazas a Deus e ao gran traballo realizado por grandes profesionais do sector sociosanitario, xa que tivemos a honra de non deixar entrar ao covid-19 en Saraiva», ao tempo que reivindicou o papel dos maiores. «Unha sociedade que reivindica liberdades, dereitos… sen valorar a inmensa achega que fixeron e fan os nosos maiores non é unha sociedade xusta. Un sociedade que non valora a sabedoría dos maiores é unha sociedade inculta, falta de fe, falta de sentimentos e, sobre todo, falta de sentido común».

«Debemos comprender e entender o pasado para vivir o presente e preparar o futuro», engadiu, ao tempo que deixou claro que «hai que seguir atentos, non debemos baixar a garda: debemos ser responsables e aplicar todas as medidas preventivas e de protección que sexan necesarias». O director técnico dos centros Saraiva incidiu en que tanto as Administracións como os investigadores e científicos «están traballado para paliar, na medida do posible, os efectos directos e indirectos desta pandemia, e nós, como sociedade e Igrexa, debemos colaborar con todas as nosas forzas e con toda a nosa fe».

É por iso que elevou dúas peticións a San Roque e Santo Estevo. Por unha banda, que a sociedade non abandone aos maiores e «prescinda da súa sabedoría», e por outra, que protexan «aos profesionais da saúde, que día a día ofrecen a súa mellor cara».