Ons, a illa humanizada do Parque Nacional Illas Atlánticas

Tino Pardellas PRESIDENTE DE PINEIRÓNS

PONTEVEDRA

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A illa de Ons, dentro do Parque Nacional Illas Atlanticas de Galicia, é a única habitada, polo que o seu aspecto social vai ser moi importante á hora de poñer en marcha o PRUX, ou Lei que rexerá o seu funcionamento futuro.

Ons, na súa parte emerxida, é unha illa cunha enorme historia que contarnos que vén dende a etapa paleolítica e que, aínda con poucos achados arqueolóxicos pola falla de investigacións, ten vestixios da Idade do Ferro, castrexos e romanos. Conta cunha Idade Media moi documentada e que trouxo cambios importantes de propiedade, numerosos preitos entre os séculos XV ao XIX que demostran un hábitat case continuo e que só desaparecía puntualmente por mor das numerosas incursións piratas que entraban por estas costas e que obrigaba a despoboala por períodos de tempo, máis ou menos longos. E a partires do século XIX vai xurdir un novo poboamento que durará ata os nosos días.

Esa nacente poboación, que dura xa máis de 200 anos, debido ao seu illamento tanto xeográfico como institucional, provocou o nacemento dunha importantísima cultura popular, que podemos considerar orixinal en toda a costa peninsular española. Aínda que moi deteriorada pola falla dunha política urbanística, posúe unha arquitectura popular mariñeira única en Galicia. Ata hai moi pouco, a vida social estaba relacionada coa agricultura e a pesca.

As fases da vida tiñan un enorme e profundo contido etnográfico con moitas diferenzas ás de calquera outra parte da Galicia rural ou mariñeira. Supersticións, mitos, contos, lendas, a utilización da medicina popular, o seu idioma, a súa interesante gastronomía van darlle a Ons un aspecto antropolóxico difícil de atopar en Galicia, tendo en conta que só ten 210 anos de idade.

A falla de estudos anteriores a 1810 non nos permite coñecer a súa riqueza natural: flora e fauna. Despois dese ano e a medida que Ons se ía poboando e os seus habitantes ían empregando as terras para construír as súas vivendas e practicar a agricultura, así como a utilización do monte para estrume, trouxo que a fauna e flora fora escasa. Sen embargo, podemos falar dunha importantísima colonia de aves mariñas como cormoráns, araos e varios tipos de gaivotas, xunto con aves migratorias de paso. Entre os mamíferos podiamos observar unha boa cantidade de coellos, morcegos e londras. Aves terrestres como as grallas, perdices e diferentes paxaros pequenos.

Na súa flora poderiamos distinguir entre flora de cantil quizais a máis abundante, a de monte e campos de cultivo e a de dunas. Importante valorar as plantacións que había nalgunhas casas para ser utilizadas en medicina popular.

Da Ons emerxida, dentro do Parque Nacional, temos que dicir que a súa importancia radica nos seus aspectos socio-histórico-etnográficos nun 70 % e os naturais estarían nun 30 %, aínda que aumentando por

mor da falla das prácticas agrícolas. Penso que o Parque Nacional terá que dedicarlle a estes aspectos sociais máis constancia e orzamento, pero sobre todo ganas para estudalos e poñelos en valor.