Baobab Teatro deixará a súa impronta en Ciudad Rodrigo

PONTEVEDRA

CEDIDA

A compañía pontevedresa foi seleccionada para tomar parte nesta mostra internacional

05 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía pontevedresa Baobab Teatro coa súa obra Mai Mai foi seleccionada para participar na vinte e tres edición da Feira de Castela e León, mostra que se desenvolverá en Ciudad Rodrigo e na que se presentaron oitocentas propostas nacionais e internacionais, das que seleccionaron apenas trinta e tres. Baobab Teatro ten previsto actuar o 28 de xullo no Teatro Nuevo Fernando Arrabal.

Esta mostra, considerada como unha das máis importantes de España no ámbito das artes escénicas, é todo un escaparate profesional á hora de difundir as distintas propostas teatrais. Isto explica o amplo abano de espectáculos que se programan e que abranguen toda clase de xéneros e estilos, dende o teatro clásico ata o de rúa, pero tamén a danza ou o musical.

Esta non será a primeira vez que Baobab Teatro amose a súa arte na localidade salmantina, toda vez que xa estivo seleccionada no pasado con outras montaxe. Así, con Lupo lograron o premio ao mellor espectáculo infantil no 2015 e dous anos más tarde regresaron a Ciudad Rodrigo con Pum pum!

Polo súa banda, e con respecto a Mai Mai, destacan o feito de que é un show «tenro, comprometido e divertido para nenos a partir de 5 anos e maiores». Sobre o escenario, a historia do último oso panda do planeta e a súa loita por sobrevivir nun hábitat marcado pola falta de comida e os problemas ocasionados polo quecemento global. E con este trasfondo, «unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último panda do planeta».

Con esta obra, Baobab Teatro volta deixar claro que é todo un referente no teatro familiar. A compañía pontevedresa fundouse hai xa dez anos, no 2010, da man de Óscar Ferreira -director, titiriteiro, construtor de títeres e escenógrafo- e Andrea Bayer -directora, actriz e dramaturga, cunha dilatada experiencia tanto no teatro como no campo da educación-.

En canto á Feira de Castela e León, está considerada coma «un dos escaparates profesionais máis importantes de España e do resto de Europa na difusión das artes escénicas». Así, está configurada coma «un punto de encontro fundamental para o sector» e que, de feito, contribúe «á dinamización do mercado escénico» dada a variedade de propostas e formatos para público adulto e infantil.