Xabier Díaz: «As chamadas músicas do mundo é imposible que desaparezan»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MONICA IRAGO

Este músico actuará en Pontevedra o próximo 4 de xullo para presentar o seu disco «As catedrais silenciadas»

14 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñece que «se bota en falta o contacto co público e máis despois de editar un álbum que non puidemos presentar. Tíñamos intención de presentar o noso último disco, As catedrais silenciadas, pero truncouse todo. Saíu o 13 de marzo e o 14 decretaron o estado de alarma. O concerto de Pontevedra, dentro do ciclo As Matinés, era o número quince e agora vai ser o concerto número un e a premier do noso disco», resalta Xabier Díaz.

-O que cambia é o formato, xa que comparte escenario con Guadi Galego.

-Si. O que fixeron foi unir dos concertos que tiñan de dous ciclos diferentes. Paréceme xenial. A última vez que coincidín con Guadi foi nunha Praza da Ferrería ateigada nunha noite de verán marabillosa. É unha oportunidade fantástica.

-Como valora a aposta do Concello?

-Véxoo o ben porque está feito cunha produción que, baixo o meu punto de vista, fai especial fincapé en ter moi presentes todas as medidas de seguridade para que non haxa ningún risco sanitario. Fíxose un investimento moi importante en canto medidas de seguridade, separacións dos asistentes... E todo o que implica a chegada ou a saída do público. Pero paréceme importante tamén porque, dalgunha maneira, axuda a que outras Administracións locais vexan que, tendo coidado, se pode programar cultura. Agardo que teña un efecto rebote.

-E como vive un creador unha situación de confinamento?

-Un continúa con moitas das súas rutinas. Os músicos temos certas rutinas, como é o estudo, dedicar uns horas da día a estar cos instrumentos traballando. Estudar cousas complementarias como pode ser, no meu caso, harmonía. Estou acabando un curso de harmonía moderna que deixei medio parado hai algúns anos. Tamén estiven traballando nun proxecto para BBC Alba con músicos escoceses, que me ocupou bastante tempo. Non estiven moi ocioso, a verdade.

-En «As catedrais silenciadas» volve a por a mirada na tradición popular.

-Si. Forma parte da miña maneira de afrontar a música nestes últimos anos. Parto de materiais primixenios que atopei en primeira persoa gravando polas aldeas hai xa moitos anos, pero a verdade é que, cada vez máis, fago unha especie de volta máis autoral. É dicir, cada vez son máis intervencionista e poñendo máis man en todo iso que me atopei. Hai moitas melodías que xa foron creadas por min, textos que foron elaborados por min ou por outros autores. Creo que desta volta, ese material integramente tradicional convertese máis en substrato que no argumento.

-Poderíamos falar dunha labor de antropólogo?

-A primeira parte foi case de antropólogo. En realidade, é máis labor dun amante do folclore porque a antropoloxía ou a etnomusicoloxía teñen unha bis científica que eu non tiven. Fixen eses traballos de campo desde unha perspectiva de amor á música popular do meu país. Si que é verdade que o punto de partida continúa a ser iso de meter as mans na terra e escaravellar no noso ADN musical e, a partires de aí, construír un discurso.

-Considera que existe o risco de que toda esta tradición se poda perder?

-Non, non o creo. As chamadas músicas do mundo é absolutamente imposible que desaparezan. É máis, son moito máis amigo de pensar que, probablemente, se fortalezan. Cando viaxamos escapamos precisamente de todas esas cousas que son comúns aos lugares que xa coñecemos ou nos que vivimos. Sempre buscamos a excepcionalidade, a orixinalidade.